CCOO fai un chamamento aos traballadores e traballadoras da atención primaria para secundar a folga da vindeira semana

O sindicato reivindica máis orzamento para a sanidade e destinar a cuarta parte á atención primaria
Por o 04/04/2019 | Sección: CC.OO,Sanidad,Sindicatos
CCOO fai un chamamento aos traballadores e traballadoras da atención primaria para secundar a folga da vindeira semana

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia fai un chamamento aos traballadores e traballadoras da atención primaria para secundar a folga convocada para os días 9, 10 e 11 de abril. Para CCOO, os problemas da atención primaria son «de fondo», e para solucionalos é preciso incrementar o orzamento destinado á sanidade pública.

En particular, Comisións pide aumentar o orzamento da sanidade do actual 5,7 % do PIB ata o 7,1 %, e que a cuarta parte da cantidade se destine á atención primaria, fronte ao 12 % actual. Para conseguir os recursos necesarios, o sindicato tamén pide dar cabo da política privatizadora da Xunta, que «devora» case a metade do orzamento.

CCOO reivindica un tempo mínimo de consulta de dez minutos para cada persoa. Para logralo, cómpre que cada médico ou médica de familia teña 1250 cartillas, 800 no caso de pediatras. Asemade, o sindicato lembra que Galicia está moi lonxe das ratio recomendadas, incluso do pacto asinado no ano 2007 —o Plan Mellora—, en categorías como enfermaría, fisioterapia, hixiene dental, psicoloxía ou matróns e matronas. Así mesmo, CCOO-Sanidade demanda cadros de persoal «axeitados» en servizos xerais (PSX) e que cada centro conte, cando menos, cun técnico ou técnica en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE).

Con todo, CCOO coida «difícil» atinxir eses obxectivos se continúan á fronte do Sergas persoas que antepoñan as necesidades das empresas ás das persoas usuarias do sistema sanitario público.

Comentar noticia

Your email address will not be published.