CCOO-Industria denunciará precariedade laboral en Nueva Pescanova

O sindicato considera unha «ameaza» o último comunicado emitido pola dirección da compañía.
Por o 28/01/2017 | Sección: CC.OO,Sindicatos,Vigo
CCOO-Industria denunciará precariedade laboral en Nueva Pescanova
Compartir en:

​A Federación de Industria de CCOO de Galicia considera unha «falta de respecto» e case que unha «ameaza» ao persoal o último comunicado emitido pola dirección de Nueva Pescanova. O sindicato insiste en que non permitirá que a compañía condicione os plans de futuro á precariedade dos seus traballadores e traballadoras. Por esta razón, denunciará na Inspección de Traballo os contratos en fraude de lei e pedirá a conversión dos postos temporais en indefinidos.

CCOO-Industria coida que non abonda con manter o emprego actual nas empresas de Nueva Pescanova, senón que hai que incrementalo, porque os actuais cadros de persoal son «insuficientes» para realizar todas as tarefas necesarias. Proba disto é que ano tras ano se fan contratacións temporais. En opinión do sindicato, os ditos contratos son en fraude de lei, xa que a súa reiteración significa que se trata de postos de traballo consolidados.

A isto cómpre sumar a figura dos bolseiros, máis de 35 entre o ano pasado e o que vai do actual. Trátase de man de obra barata e en fraude, pois substitúen persoal xubilado ao tempo que realizan funcións do persoal propio de Nueva Pescanova, pero con remuneracións inferiores ao salario mínimo.

A Federación de Industria de CCOO denunciará estes feitos perante a Inspección de Traballo e pedirá a conversión das contratacións temporais en indefinidas.

Por último, CCOO convocou a todos os sindicatos con representación no grupo a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro 7 de febreiro. Nesta reunión planificaranse as medidas para levar a cabo no futuro inmediato en defensa do emprego e da súa calidade.