CCOO-Industria estima que o estatuto de consumidores electrointensivos é «claramente insuficiente»

Para o sindicato e os comités de empresa de Aluibérica e Alcoa, o proxecto «decepciona e preocupa»
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO-Industria estima que o estatuto de consumidores electrointensivos é «claramente insuficiente»

A Federación de Industria de CCOO coida «claramente insuficiente» o estatuto de consumidores electrointensivos. Para o sindicato e os comités de empresa de Aluibérica (antiga Alcoa-A Coruña) e de Alcoa-San Cibrao, o proxecto «decepciona e preocupa», pois non recolle as medidas de estabilidade e competitividade reclamadas para o sector.

Na conferencia de prensa que tivo lugar esta mañá na Coruña, Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, manifestou a decepción do sindicato, especialmente após a loita e os esforzos realizados. «Non recolle as reclamacións presentadas durante este período para dar estabilidade e competitividade ás empresas do sector industrial electrointensivo en Galicia», explicou o sindicalista.

Segundo Ledo, ante esta situación «vanse presentar unhas alegacións» —que se xuntan— que primeiro identifiquen o consumidor hiperelectrointensivo, con condicións específicas para atender o alto custo enerxético na súa produción, «do mesmo xeito que se está a facer en Francia», puntualizou.

Pola súa parte, o responsable estatal do sector da Enerxía de CCOO-Industria, Jesús Crespo, tamén incidiu na necesidade de que o estatuto atenda as necesidades específicas do consumidor hiperelectrointensivo, e non só as empresas cun consumo enerxético moito menor. Entre outras medidas, citou a compensación de custos por emisións indirectas de CO2, cunha partida integrada nos Orzamentos Xerais do Estado, a compensación do financiamento das renovables e da coxeración de alta eficiencia.

Tamén interveu Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Aluibérica. Segundo o voceiro sindical na antiga Alcoa-A Coruña, o proxecto de estatuto «dista moito do prometido polo Goberno». Na súa opinión, as medidas recollidas farán que as empresas do sector «teñan problemas de competitividade, porque o prezo da enerxía segue a ser moi alto».

Para Corbacho, «a transición ecolóxica ten que ser xusta tamén con este sector, de xeito que as empresas electrointensivas poidan manter produción ao tempo que compensen as emisións e manteñan os cadros de persoal».

En representación do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao interveu Alberto Pulpeiro, quen manifestou o descontento co proxecto de estatuto. Neste contexto, o sindicalista prevé «moitas dificultades» para poder manter os postos das 3000 persoas que dependen do emprego xerado por Alcoa na Mariña.

Finalmente, Víctor Ledo anunciou que CCOO continuará coa presión en relación con este estatuto. De feito, para o vindeiro 26 de febreiro está convocada unha concentración fronte á Deputación Provincial de Lugo. Así mesmo, o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, a manifestación estará presidida por reivindicacións en defensa da industria galega porque, alén da situación das electrointensivas, tamén están riba da mesa as problemáticas da central térmica das Pontes, de Emesa ou de Isidro 1952, ademais do recente peche de Isowat.