CCOO informa das melloras no novo convenio para o persoal CESPA en Santiago de Compostela

Incrementos salariais por riba do IPC, cláusula de ultraactividade e aposta pola calidade do emprego son algúns dos aspectos máis salientables
Publicado por o día 22/05/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Santiago,Sindicatos,Vigo

CCOO informa das melloras no novo convenio para o persoal CESPA en Santiago de Compostela

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do novo convenio para o persoal da empresa CESPA en Santiago de Compostela. CCOO salienta que o convenio mantén as consquistas de anteriores negociacións, ao tempo que avanza en dereitos e garantías para o persoal. Entre as melloras cabe citar os incrementos salariais por riba do IPC, a cláusula de ultraactividade —que garante a vixencia do convenio namentres non se asine outro— e a aposta pola calidade do emprego.

O novo convenio ten unha duración de catro anos, desde o actual ata o 2020, e prevé incrementos salariais do 1,6 % para o exercicio 2017 e do 1 % para o 2018, 2019 e 2020. En todos os casos haberá a correspondente revisión conforme ao IPC real, para garantir o poder adquisitivo dos salarios.

Seguindo co aspecto salarial, consolídase a cuarta paga extra, que deixa de estar condicionada á asistencia ou non asistencia ao traballo, e créase un novo plus de asistencia a partir do 2018. Este plus terá a contía dun euro por cada día efectivo de traballo nese exercicio, elevándose a 1,1 € no 2019 e 1,2 € no 2020.

A Federación de Construción e Servizos de CCOO salienta que as melloras salariais supoñen, de xeito implícito, un incremento de case o 6 %.

O novo convenio inclúe unha compensación económica polo gozo das vacacións fóra do período establecido (entre o 1 de xullo e o 30 de setembro). Deste xeito, se a empresa precisar que algún traballador ou traballadora goce destes días noutra época do ano, terá dereito a trinta e catro días naturais de vacacións. Así mesmo, no ano 2019 percibiría 5 euros por cada día gozado fóra do dito período, cifra que se incrementaría ata os 6 euros desde o 2020.

Estabilidade no emprego

A Federación de Construción e Servizos de CCOO destaca a aposta pola estabilidade no emprego que se consegue co asinamento do novo convenio. Deste xeito, quince traballadoras e traballadores que eran fixos-descontinuos pasarán a ser fixos: tres no 2017, outros tantos nos anos 2018 e 2019, e seis no 2020.

Así mesmo, a empresa obrígase a que o 80 % do persoal sexa fixo. Nesta liña, limítase a subcontratación, polo que só en situacións moi contadas se poderá recorrer a esta figura.

Por último, no caso de novas contratacións, primeiro serían incorporadas as persoas que anteriormente fosen contratadas por CESPA na concesión de Santiago de Compostela.