CCOO inicia unha campaña contra a precariedade nas ONG e os despedimentos en Médicos sen Fronteiras

O sindicato presentou a iniciativa esta mañá en Vigo e anuncia mobilizacións para a próxima semana
Por o 08/06/2017 | Sección: CC.OO,Eventos,Sindicatos,Vigo
CCOO inicia unha campaña contra a precariedade nas ONG e os despedimentos en Médicos sen Fronteiras

«Eu quedo sen traballo» é o lema da campaña que a Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO presentou esta mañá en Vigo para pór en evidencia a precariedade nas oenegués e os despedimentos en Médicos sen Fronteiras (MSF). O sindicato denuncia a «delicada» situación das captadoras e captadores de socias destas entidades, que «reiteradamente» conculcan dereitos laborais «básicos». No caso concreto de MSF, prevé despedir gran parte do seu persoal —ata o 80 %— en base a unha cláusula de produtividade que foi denunciada xudicialmente por «abusiva» e que está pendente aínda de sentenza firme.

O secretario nacional de Xuventude de CCOO, Omar Ceveira, e o responsable da sección sindical de CCOO en MSF, Miguel Riaño, explicaron en declaracións aos medios de comunicación o sector «carece con carácter xeral de recoñecemento profesional».

Segundo os voceiros sindicais, ás oenegués «non lles interesa» clarificar que as persoas captadoras de socias e socios non son «voluntarias», senón traballadoras. Facer explícito este vínculo «podería implicar as socias ou socios tivesen dúbidas do destino do diñeiro das súas achegas», apuntaron.

Ceveira e Riaño chaman a atención tamén sobre as cláusulas por obxectivos «excesivamente altos» que adoitan ter estas persoas nos seus contratos. A grande maioría —sobre o 80 % no caso de MSF— non os chega a cumprir, podendo ser despedidas de xeito disciplinario.

Os sindicalistas tamén denuncian outro tipo de prácticas, como constantes cambios de contrato para que as traballadoras e traballadores non gañen experiencia; a exposición na rúa a agresións físicas, verbais e sexuais; as presións constantes por parte dos cargos intermedios para chegar a obxectivos ou deixar o posto de traballo; emprego gratis ou camuflado de voluntariado; horas a máis fóra do horario laboral para intentar alcanzar os obxectivos.

Reproban, así mesmo, prácticas de «chantaxe emocional», do xénero «os dereitos laborais que che deamos a ti son á custa da nosa axuda humanitaria», cando non directamente a represión sindical, con despedimentos a quen reclama os seus dereitos ou os do colectivo.

Segundo CCOO, a organización sindical e a reivindicación do persoal deste sector é «moi complicada» tanto pola elevada temporalidade como polas políticas de empresa que sofren. Ademais, as oenegués asócianse en España a xeito de grupo de presión a través da Asociación Española de Fundraising, outorgándolles ás oenegués un carácter patronal co que presionaren conxuntamente co mesmo tipo de políticas.

Concentración o 14 de xuño

O primeiro paso nesta campaña reivindicativa terá lugar a próxima semana, cunha protesta convocada o mércores, día 14 de xuño, ás 20 h, diante do museo MARCO de Vigo.