CCOO insta a Consellaría de Sanidade a reforzar a unidade específica de asbestose de Ferrol

O hospital universitario ferrolán é o centro de referencia en Galicia para as doenzas relacionadas coa exposición ao amianto
Publicado por o día 07/11/2017 na sección de CC.OO,CIG,Sanidad,Sindicatos,UGT

CCOO insta a Consellaría de Sanidade a reforzar a unidade específica de asbestose de Ferrol

O luns, día 6, reuníronse na Consellaría de Sanidade o titular do departamento autonómico, Jesús Vázquez Almuíña, representantes da asociación AGAVIDA e dos sindicatos Comisións Obreiras, UGT e CIG. Nesta xuntanza, CCOO trasladoulle á Administración autonómica a súa preocupación polo funcionamento da unidade específica de asbestose do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Segundo CCOO, estase a detectar un atraso nas revisións das persoas afectadas pola exposición ao amianto. O sindicato tamén critica casos de derivación de doentes aos médicos de familia sen o pertinente informe e, o que é peor, sen coñecemento da persoa afectada.

Neste sentido, o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, solicitoulle á Consellaría que cando se fagan as revisións, se realicen todas as probas de análise no mesmo día, tal e como se facía antes. En opinión do sindicalista, un dos posibles motivos desta «anomalía», como se expuxo na última reunión da comisión de seguimento, «é a falta de persoal nesta unidade específica, que sería necesario reforzar».

Por outro lado, CCOO solicitou que todos os doentes con patoloxías relacionadas co amianto sexan tratados por esta unidade específica, sexa cal for a área sanitaria onde residan, xa que os diagnósticos os elaboran facultativos con moita experiencia nas enfermidades relacionadas co amianto.

Desde a Consellaría aseguraron que se está a traballar en reducir os tempos de demora na realización das revisións —pasar do actual ano ou máis de atraso a un máximo de catro meses—. Tamén se comprometeron a intentar corrixir o resto de deficiencias expostas.

A Consellaría de Sanidade informou así mesmo da intención de convocar antes do remate do 2018 unha reunión cos responsables de Pneumoloxía de toda Galicia para adaptar ao noso país o criterio da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), para tratar do mellor xeito posible a todas as persoas afectadas por unha doenza ligada co amianto.

Mapa das enfermidades profesionais

Para o secretario de Saúde Laboral de CCOO, é «moi preocupante» que aínda existan tantas «disfuncións» na atención a enfermidades profesionais como a silicose ou, neste caso, a asbestose. O sindicato aborda a problemática como unha da súas principais inquedanzas e traballará para debuxar un mapa real de onde se xeran estas patoloxías para poder atallalas mais tamén para elaborar protocolos que faciliten a vida das persoas que xa as padecen.