CCOO insta o Sergas a negociar unha solución para o conflito do persoal dos PAC

O sindicato pide un cambio na política de contratación da Administración sanitaria que permita estabilizar os cadros de persoal
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO insta o Sergas a negociar unha solución para o conflito do persoal dos PAC

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta o Sergas a negociar unha solución para o conflito dos puntos de atención continuada (PAC). As traballadoras e traballadores deste servizo levan dous meses mobilizándose para esixir melloras sociais e económicas que os sitúe no nivel do demais persoal sanitario. O sindicato reprocha que nin a Consellaría do ramo nin as Xerencias das áreas sanitarias «sexan quen de dar solucións».
 
Por exemplo, na área sanitaria de Vigo, a única solución foi facer unha oferta de voluntariedade, proposta en plena folga dos PAC, motivo polo que CCOO formulou unha reclamación ao entender que se atentaba contra o dereito fundamental de folga. Con todo, unicamente cinco médicos pediron acollerse a esta opción, o que «dá boa proba do pouco atractivo da oferta», explica Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
 
Segundo CCOO, o «despropósito» aínda foi a máis nos últimos días coa proposta de cubrir as ausencias do persoal sanitario con médicos internos residentes (MIR), isto é, persoal que está a completar a súa formación.
 
Desde CCOO instan o Sergas a cambiar a súa política de contratación. «Con emprego precario non imos a ningures», afirma Cameselle. A alternativa de Comisións é substituír as fórmulas tradicionais de voluntariedade ou gardas por emprego de calidade. Para o secretario xeral de CCOO-Sanidade, «esta é a fórmula axeitada para atraer profesionais da sanidade a Galicia» e frear a «sangría» da emigración no sector.
 
CCOO leva anos esixindo ese cambio, para o que será necesario unha «negociación real» que dea cabo das xornadas «abusivas, sen descanso suficiente». A situación mesmo impide que os profesionais sanitarios poidan gozar dos seus permisos e licenzas, pois «son anulados con frecuencia», critica Cameselle.
 
Comisións Obreiras pide unha xornada anual ordinaria de 1451 horas, a eliminación de xornada complementaria e retribuír as noites e festivos ao 100 % —conforme está asinado, malia que o Sergas o incumpre sistematicamente.