CCOO insta o SERGAS a aplicar as sentenzas europeas e modificar a súa política de contratación

O sindicato esixe a fin da precaridade laboral no Servizo Galego de Saúde ou intensificará a batalla xurídica e iniciará os contactos para un proceso unitario de mobilizacións
Por o 03/10/2016 | Sección: CC.OO,Sanidad,Sindicatos,Vigo
CCOO insta o SERGAS a aplicar as sentenzas europeas e modificar a súa política de contratación
Compartir en:

O sindicato esixe a fin da precaridade laboral no Servizo Galego de Saúde ou intensificará a batalla xurídica e iniciará os contactos para un proceso unitario de mobilizacións.

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Sanidade) insta o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a aplicar as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea e a modificar a súa política de contratación. O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, coida que esas sentenzas han servir para rematar coa «precaridade, a inestabilidade laboral e as escaseza» de persoal.

Tamén, en cumprimento das sentenzas, o sindicato esixe que se regularice a situación dos profesionais que sofren contratos encadeados, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións ás persoas que rematan ou remataron xa os seus contratos nos termos establecidos nas ditas resolucións xudiciais.

Doutra banda, o sindicato pide a «inmediata reconversión» dos chamados contratos de servizos determinados —equivalentes a contratos de obra e servizo ou contratos de actividade nova— en contratos interinos, nos termos en que así o ditamina a normativa. Así mesmo, CCOO-Sanidade esixe a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) «excepcional e con custo cero» para todos estes postos de traballo, pero tamén para compensar a destrución de emprego dos últimos anos.

Finalmente, a Federación de Sanidade de CCOO reclama a «inmediata apertura» da carreira profesional no SERGAS, ampliándoa ao persoal interino, ao integrado doutras administracións e ao que aprobou as últimas OPE, tal como ditamina outra sentenza europea.

Se o SERGAS non actúa «de inmediato», CCOO asegura que se «intensificará a batalla xurídica», amais de contactar con outras organizacións para «iniciarmos un proceso unitario de mobilizacións».