CCOO insta a Xunta a deseñar «en clave de país» as políticas industriais e forestais

O sindicato augura o fracaso da Lei de fomento de iniciativas empresariais por estar concibida cunha visión a curto prazo e non apostar pola industria manufactureira e de alto valor engadido
Publicado por o día 19/10/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos

CCOO insta a Xunta a deseñar «en clave de país» as políticas industriais e forestais

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras insta a Xunta de Galicia a deseñar «en clave de país» tanto a política industrial como a forestal. A xuízo do secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, trátase de dúas cuestións de «enorme transcendencia» para a comunidade autónoma que, ademais, terán implicacións «para as próximas décadas». Por esta razón, augura o fracaso de proxectos concibidos con visión a curto prazo e sen o consenso do conxunto de forzas sociais e políticas, como a recentemente aprobada Lei de fomento de iniciativas empresariais (LFIP).

A LFIP afecta a un gran número de áreas e artigos de diversas leis, sen que en moitos casos se observe a relación coa suposta exposición de motivos, nin tampouco coa tramitación no Parlamento pola vía de urxencia. «Parece, máis ben, parte dunha campaña propagandística coa que xustificar a pobre resposta da Xunta» ata o momento, lamenta Sarmiento.

O secretario xeral de CCOO critica que o Partido Popular non aproveitase o tempo transcorrido desde que presentou a súa proposta para introducir as modificacións demandadas polo sindicato. «Agardábamos un contido máis ambicioso, pero a visión a curto prazo é o que predomina no texto da lei», censura Sarmiento.

Para o dirixente sindical, a lei revela «erros de análise» que corroboran a continuidade da «política errática» da Xunta en materia industrial. Desde o sindicato repróchanlle ao PP que poña énfase en sectores industriais «eminentemente extractivos» e deixe de lado as industriais manufactureiras, de transformación e creación de valor engadido.

Un «pacto de país» pola industria e o sector forestal

Precisamente, un dos sectores extractivos afectados pola LFIP e o forestal. Para o sindicato, o contexto actual debera obrigar o PP a repensar non só os contidos da lei, senón tamén os prazos para a súa aprobación, que saíu adiante unicamente co apoio do partido gobernante e só tres días despois da vaga de incendios que devastou parte de Galicia.

Neste senso, o secretario xeral de CCOO pídelle ao PP «humildade e responsabilidade» á hora de mudar a lexislación, especialmente cando se trata de cuestións que van alén dun Goberno concreto, senón que deberán ser xestionadas durante anos e que terán efectos nas próximas décadas.

O secretario xeral de CCOO afirma que calquera plan industrial ambicioso debe ser consensuado co conxunto de forzas políticas e sociais. Do contrario, malia que goce de maioría absoluta no Parlamento, as medidas aplicadas estarán «abocadas ao fracaso».

Por esta razón, Sarmiento insiste na necesidade de que o Goberno e a oposición se impliquen nun «pacto de país» pola industria, e canalizar a especial sensibilidade social para propiciar tamén un gran pacto nacional en torno ao sector forestal para abordar de vez a problemática dos incendios.

«No ámbito sindical xa o estamos a facer», asegura o secretario xeral de CCOO, quen explica que se está a traballar con outras organizacións sindicais para elaborar unha proposta unitaria en materia forestal que vaia máis aló da cuestión de como apagar os incendios. A proposta que xurda deste traballo será posta en coñecemento das catro forzas parlamentarias, coa intención de suscitar un debate aberto a outros axentes sociais e económicos.