CCOO insta a Xunta a sancionar as empresas de autobuses que non subroguen o persoal

O vindeiro xoves, 31 de agosto, reunirase a comisión de seguimento do acordo de transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos,Xunta de Galicia

CCOO insta a Xunta a sancionar as empresas de autobuses que non subroguen o persoal

CCOO insta a Xunta a sancionar as empresas de transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús que non subroguen o persoal, tal como se acordou no seu día. Así llo manifestou hoxe o sindicato á Administración autonómica na segunda reunión da comisión de seguimento do plan de transporte público de Galicia.

Nesta comisión acordouse por unanimidade solicitarlles documentación adicional ás empresas implicadas. Entre outras cuestións, certificación de que tanto as empresas saíntes como as entrantes cumpriron o prego de condicións, así como acreditación de que o persoal que pide ser subrogado efectivamente prestaba servizos na liña en cuestión.

A maiores, CCOO pediu a intervención da Inspección de Traballo por entender que hai incumprimentos laborais e que «a realidade é que uns traballadores están agora mesmo na rúa, sen cobraren nin teren culpa ningunha», apuntou o reponsable de transportes do sindicato, Marcos Pérez.

Segundo o sindicalista, en toda Galicia serían vinte e seis os empregados que deberan ser subrogados polas novas concesionarias das liñas de autobús e que actualmente están sen traballo.

O vindeiro xoves, día 31 de agosto, terá lugar a seguinte xuntanza desta comisión de seguimento, na que CCOO incidirá na necesidade de subrogar estes traballadores e de sancionar as empresas incumpridoras.