CCOO insta a Xunta a solucionar o problema das urxencias, colapsadas xa no inicio da campaña da gripe

O sindicato pide a retirada da Lei de saúde pública de Galicia e un gran pacto social a prol do sistema sanitario público
Publicado por o día 13/12/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO insta a Xunta a solucionar o problema das urxencias, colapsadas xa no inicio da campaña da gripe

A Federación de Sanidade de CCOO insta a Xunta de Galicia a solucionar o problema dos servizos de urxencias, pois en varios hospitais do país xa están colapsadas cando a campaña da gripe non fixo máis que comezar. O sindicato repróchalle ao Goberno galego, en particular á Consellaría de Sanidade, «falta de previsión» e «mala xestión», porque a situación se repite cada ano sen que se tomen medidas.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, afirma que os hospitais galegos precisan «profundos cambios» no seu funcionamento e nos recursos de que dispoñen. Na súa opinión, cómpren máis camas públicas hospitalarias, e os quirófanos e outros servizos centrais —como laboratorios ou radioloxía— deberían funcionar tamén en quenda de tarde.

O sindicalista pide a recuperación dos cadros de persoal, minguados nos últimos anos por culpa da «ínfima» taxa de reposición. «Con menos recursos humanos e técnicos é imposible corrixir a situación», advirte Cameselle.

Alén destas eivas, o secretario xeral de CCOO-Sanidade advirte do «grave prexuízo» que ocasionará a posta en marcha da Lei de saúde pública de Galicia, cuxa retirada esixe o sindicato. A nova norma prevé a eliminación de catro áreas sanitarias, polo que haberá menos servizos preto das usuarias e usuarios do sistema, máis desprazamentos aos hospitais das grandes cidades —en detrimento dos comarcais— e maior transvasamento de recursos públicos ao sector privado.

Por todo isto, CCOO defende un pacto entre forzas sociais que, en primeiro lugar, implique un incremento orzamentario para a sanidade pública. Tamén pide a fin do «recurso sistemático» á concertación e privatización da sanidade, porque «non representou maior eficiencia, pola contra, é parte importante do problema e dos custos». En definitiva, «cómpre unha aposta pola sanidade pública», insiste Cameselle.