Fernando Miramontes Vázquez (A Coruña, 15 de xullo de 1935 – Ferrol, 13 de xaneiro de 2021) naceu no seo dunha familia coruñesa de orixes mariñeiras. Ficou orfo de nai aos dez anos, idade á que foi vivir a Ferrol con seu pai, quen se empregaría no taller de escaiolas dun empresario co que compartira militancia anarquista.
Con 14 anos, Miramontes conseguiu o seu primeiro emprego. Aos 28, xa casado e cunha filla pequena, emigrou a Francia para esquivar o servizo militar. Primeiro el, máis tade a muller e a meniña. No «Paraíso» francés, como o definiría, comezou a militar na CGT francesa e no Partido Comunista no exilio.
Tras catro anos en Francia, decide regresar a Galicia en 1967. De volta en Ferrol, contacta coa resistencia antifranquista na cidade naval, onde compartiría militancia comunista e nas CCOO con Rafael Pillado, Paco Filgueiras ou Julio Aneiros, entre outros.
Foi detido por vez primeira en 1969 e encarcerado durante seis meses. Sendo secretario xeral do PCG en Ferrol, acabaría en máis de oito ocasións, pisaría máis dunha vez calabozos e cárceres. Mesmo chegou a ser torturado durante tres días, ficando ás portas da morte, na brutal represión tras os sucesos do 10 de Marzo de 1972.
A brutal tortura levouno a pasar case seis meses hospitalizado. Aínda así, sería detido e maltratado fisicamente varias veces máis entre 1973 e 1975 por todo tipo de acusacións: propaganda antifranquista, militancia en organizacións terroristas ou facer pintadas na rúa. Malia á brutalidade policial, nunca se arrepentiu da súa vida de compromiso: «estou satisfeito de todo o que fixen polo meu país», resumía con orgullo nunha entrevista recente.
Como traballador autónomo —escaiolista—, non tiña participación directa no sindicato. Con todo, como militante de base de CCOO e persoa comprometida, colaborou en todo o posible, tanto na preparación de folgas, como na organización de asembleas clandestinas.
«Non participei directamente en CCOO, pero teño que dicir que o meu Renault 4L carrexaba xente para todas as asemblease levaba os clichés da propaganda como un membro máis», recoñecía con retranca no libro Biografías Obreiras de Ferrol, editado por Comisións Obreiras e a Fundación 10 de Marzo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.