CCOO lémbralle á Xunta que «a cultura é máis que o Xacobeo» e esixe a reapertura do Museo Etnolóxico de Ribadavia

O centro está pechado por falta de persoal, feito que constitúe para CCOO un exemplo do «abandono» dos centros públicos por parte da Consellaría de Cultura
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO lémbralle á Xunta que «a cultura é máis que o Xacobeo» e esixe a reapertura do Museo Etnolóxico de Ribadavia

Comisións Obreiras (CCOO) lémbralle á Xunta de Galicia que «a cultura é algo máis que o Xacobeo» e esixe a reapertura do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que se atopa pechado por falta de persoal. Para o sector da Administración autonómica do sindicato, esta circunstancia é un exemplo do «abandono» dos centros públicos por parte da Consellaría de Cultura. CCOO coida que o peche do museo debe ser «reprobado» polo Concello, xa que se trata de defender «un servizo público que forma parte da cultura de base dos pobos».

CCOO lamenta que a Consellaría non poña en valor o «enorme e valioso» traballo que realiza o Museo Etnolóxico de Ribadavia, tanto no que atangue ás súas obrigas como Administración que «garda e xestiona a nosa memoria colectiva», como polo seu carácter de institución cunha «sólida implantación e implicación» na vida desta localidade ourensá.

O sindicato lembra a «vizosa actividade profesional e persoal» dos seus traballadores e traballadoras e salienta que o museo exerceu neste tempo como un axente dinamizador da vida cultural e intelectual de Ribadavia, «cubrindo unha demanda moitas veces descoidada, e exercendo como un dos principais axentes culturais».

Porén, nos últimos anos padeceu recortes tanto en recursos como en persoal por parte da Consellaría de Cultura. Agora «chegou ao límite», xa que o abandono por parte da Xunta acabou levando ao peche, pois sistematicamente estaban sen cubrir as baixas de persoal.

Segundo CCOO, o abandono do Museo Etnográfico «non é un feito illado», senón extensible ao resto de museos, bibliotecas e arquivos, e demais monumentos e servizos que dependen do departamento autonómico, censura o sindicato. Sendo o Xacobeo un «reclamo moi importante» para o turismo e a economía galega, CCOO defende que isto non sexa «á custa de manter na absoluta precariedade» o resto da cultura do país.

Comisións esixe a «inmediata reapertura» do museo, con todo o persoal que lle corresponde, así como a cobertura das prazas vacantes nos restantes centros que dependen de Cultura, que «están en mínimos». Nunha segunda fase, CCOO chama a negociar un incremento progresivo dos cadros de persoal para seguir dando un servizo público «de calidade».