CCOO non cre que os grupos de traballo propostos por Sanidade solucionen os problemas da atención primaria en Galicia

O sindicato lembra que hai un ano xa se creara unha comisión técnica para tratar os problemas nos PAC e o resultado foi «un fiasco» pola «parsimonia» dos responsables do Sergas
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO non cre que os grupos de traballo propostos por Sanidade solucionen os problemas da atención primaria en Galicia

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia non cre que os problemas de atención primaria e da sanidade en Galicia se vaian resolver coa creación de seis grupos de traballo, tal como propón a Consellaría. O sindicato lembra que hai un ano xa se creara unha comisión técnica para tratar os problemas nos PAC e o resultado foi «un fiasco» pola «parsimonia» dos responsables do Sergas. Por esta razón, CCOO non quere «comisións dilatorias», senón unha negociación «transparente» coa representación legal do persoal e con compromisos «serios e coutados no tempo».
 
Entre outras cuestións, CCOO pide recuperar o Plan de mellora da atención primaria, que fora consensuado entre os profesionais, organizacións sindicais e o anterior Goberno da Xunta. O obxectivo era ampliar e mellorar a rede de atención con persoal e máis tempo de dedicación, garantindo como mínimo dez minutos para cada doente. Porén, o PP eliminou este plan no 2009, en canto regresou ao poder en Galicia.
 

Máis recursos para a atención primaria

 
O sindicato tamén quere que se recuperen as xerencias de atención primaria, hoxe integradas na atención hospitalaria, «coa consecuente descapitalización e perda de autonomía na xestión e planificación de recursos», apunta Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
 
Desde CCOO avogan por recuperar o espírito da reforma sanitaria de 1984, que concibía a atención primaria como «instrumento esencial» do sistema público de saúde. Nesta liña, o sindicato aposta por destinar un mínimo do 7 % do PIB á sanidade e, deste orzamento, o 25 % á atención primaria.
 

Pechar o conflito dos PAC

 
Por último, CCOO-Sanidade insta a Xunta a pechar o conflito dos PAC. Para isto, debe atender reivindicacións como establecer a xornada ordinaria en 1451 horas anuais, eliminar a xornada complementaria, compensar o traballo de noite ou en festivos ao 100 % —tal como estaba asinado, pero o Sergas incumpriu—. Todas estas cuestións han ser tratadas convocando o comité de folga, conclúe Cameselle.

Comentar noticia

Your email address will not be published.