CCOO non ve necesarios novos axustes laborais coa integración do Popular no Santander

O sindicato lembra que o Popular xa fixo unha «recente reestruturación» e que o Santander se beneficiará da incorporación dun «persoal moi preparado»
Publicado por o día 07/06/2017 na sección de CC.OO,Economía,Empresas,Sindicatos,Vigo

CCOO non ve necesarios novos axustes laborais coa integración do Popular no Santander

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia non ve necesarios novos axustes laborais coa integración do Banco Popular no Banco Santander. Ante a difusión na prensa de hoxe da decisión da Xunta de Resolución Bancaria Europea, adxudicando o Popular ao Santander, o sindicato agarda que a noticia represente «a fin da incerteza» padecida nas últimas semanas polos máis de 1.400 traballadores e traballadoras do Grupo Banco Popular en Galicia.

Desde CCOO-Servizos lembran que o Popular levou a cabo unha «recente reestruturación» e salientan que a entidade compradora se beneficiará dun «persoal moi preparado, que sabe e entende o negocio bancario». Por esta razón, CCOO non coida necesario acometer unha nova reestruturación.

O primeiro, o emprego

En Comisións destacan que Galicia se verá «especialmente afectada» por esta operación, dada a relevancia do Banco Pastor —xa integrado no Popular— na comunidade autónoma. Con todo, a principal preocupación do sindicato é a mesma que a das traballadoras e traballadores: a defensa do emprego e que a homoxeneización das condicións laborais se faga de forma «ordenada, progresiva e pactada». Esixe, así mesmo, a elaboración dun protocolo de garantías de emprego en que se renuncie á utilización de «medidas traumáticas».

A experiencia de CCOO

Por último, Comisións Obreiras, sindicato maioritario no sector financeiro, fai valer a «experiencia acumulada» —liderou diferentes procesos de integración— como aval para levar a cabo unha negociación con «alternativas razoables», tanto para o persoal como para unha integración «eficaz» das súas entidades.