CCOO participa na convocatoria unitaria de folga da atención primaria para o mes de abril

O sindicato afirma que o acordo anunciado pola Xunta cos colexios médicos «naceu morto» e empraza o persoal á sumarse á folga os días 9, 10 e 11 de abril
Por o 01/04/2019 | Sección: CC.OO,Sanidad,Sindicatos
CCOO participa na convocatoria unitaria de folga da atención primaria para o mes de abril

 A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia anuncia que o sindicato participará na convocatoria unitaria de folga para a atención primaria que terá lugar os días 9, 10 e 11 de abril. Para CCOO, o acordo que a Xunta asegurou ter cos colexios médicos «naceu morto», porque se pactou fóra da mesa sectorial «e de costas aos traballadores e traballadoras e á súa representación legal, que somos os sindicatos».

Ademais das formas, CCOO-Sanidade critica o acordo polo seu fondo, xa que prevé a contratación de só sesenta médicos de familia, malia que as necesidades de atención primaria son moito maiores. O sindicato reivindica un reforzamento en todos os colectivos profesionais, non só na medicina de familia.

CCOO-Sanidade lembra que Galicia está moi lonxe das ratio recomendadas, incluso do pacto asinado no ano 2007 —o Plan Mellora—, en categorías como fisioterapia, hixiene dental, psicoloxía ou matronos e matronas. Así mesmo, CCOO-Sanidade demanda cadros de persoal «axeitados» tanto en persoal de servizos xerais (PSX) e que cada centro conte, cando menos, cun técnico ou técnica en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE).

Un problema «de fondo»

O sindicato tamén reivindica un redimensionamento da carga de traballo, de tal xeito que cada médico ou médica teña un máximo de 1250 cartillas, 800 no caso dos pediatras.

En resumo, CCOO coida que o problema da atención primaria é «de fondo», e non se solucionará con «pactos de costas ao persoal», senón incrementando os recursos. En particular, Comisións pide aumentar o orzamento da sanidade do actual 5,7 % do PIB ata o 7,1 %, e que a cuarta parte da cantidade se destine á atención primaria.

PAC en folga

Por último, CCOO esixe unha «negociación» real co comité de folga que representa os traballadores dos puntos de atención continuada (PAC), que se manteñen en folga indefinida.

Comentar noticia

Your email address will not be published.