CCOO pide que o antigo Hospital Xeral Cíes continúe a ser propiedade pública

O sindicato propón que sexa convertido en centro de atención especializada para persoas maiores en situación de dependencia
Por o 07/08/2017 | Sección: CC.OO,Sindicatos
CCOO pide que o antigo Hospital Xeral Cíes continúe a ser propiedade pública
Compartir en:

Comisións Obreiras (CCOO) pide que o antigo Hospital Xeral Cíes, en Vigo, continúe a ser propiedade pública; neste senso, propón que sexa convertido en centro de atención especializada para persoas maiores en situación de dependencia. Precisamente, a iniciativa sindical chega unha década despois da aprobación da Lei 39/2006 para a autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Neste período, as expectativas depositadas no sistema víronse «truncadas» por culpa dos recortes, denunciaron hoxe representantes de CCOO.

Na actualidade, a cidade de Vigo e a súa bisbarra dispoñen de 606 prazas públicas para persoas dependentes, ao tempo que a única residencia privada —para non dependentes— conta con 95 prazas, todas elas para mulleres. Con estes números, e cunha poboación que supera os 300.000 habitantes, CCOO constata o déficit da oferta.

Para CCOO, a resposta a esta necesidade debe estar «o máis preto posible da cidadanía», mediante políticas de intervención «que non lles supoñan a desvinculación da comunidade a que pertencen». Nesta liña encádrase a proposta de centro de actuación especializada para persoas maiores en situación de dependencia, presentada hoxe polo sindicato.

Está dirixida a aquelas persoas maiores que gozan dun grao aceptable de independencia persoal e que elixen vivir en réxime de autonomía, aínda que baixo a tutela e asistencia dunha entidade pública. Este dentro de atención e actuación especializada para persoas maiores en situación de dependencia sería compatible co uso do centro de día para todas as persoas maiores da cidade de Vigo.

Perfil das persoas beneficiarias

O perfil das persoas beneficiarias sería o dalguén cun nivel de autonomía persoal «suficiente», normalmente afectada por situacións de soidade, abandono persoal, malas condicións da vivenda ou ausencia da mesma, conflitos socio-familiares e falta de soporte afectivo e/ou económico.

Desde CCOO salientan que o Hospital Xeral Cíes é unha «senlleira e innovadora» obra do arquitecto José Bar Boo, que dispón dunha protección urbanística integral —establecida pola Dirección de Patrimonio Cultural— e cuxa titularidade ten actualmente a Tesouraría da Seguridade Social, que está intentando vendelo mediante poxa pública. A perda da propiedade pública deste relevante edificio sería unha «triste pena para o pobo de Vigo», apuntan desde o sindicato.

Dotar Vigo de servizos

CCOO solicitou informes a «cualificados arquitectos urbanistas», así como a profesionais da sanidade pública e da xeriatría, «e todos corroboran a idoneidade deste edificio para destinar o seu uso como centro tutelado de Maiores».

Comisións informou desta proposta tanto a Asociación de Veciños como a Asociación de Comerciantes da zona. Ambas as dúas entidades amosaron o seu interese, pois a iniciativa axudaría a revitalizar a zona e contribuiría a dotar de servizos a cidade.