CCOO pide investir en coidados e sinala que o traballo non remunerado nestas tarefas equivale a case o 15 % do PIB

Co gallo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se conmemora o próximo 7 de outubro, o sindicato lembra que o sistema de atención á dependencia continúa a ser «insuficiente» en Galicia
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO pide investir en coidados e sinala que o traballo non remunerado nestas tarefas equivale a case o 15 % do PIB

O próximo 7 de outubro conmemórase a décimo segunda Xornada Mundial polo Traballo Decente (XMTD). Co gallo desta efeméride, Comisións Obreiras (CCOO) pide investir no sector dos coidados. Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT), no ano 2018 había dez millóns de persoas en España necesitadas de coidados e, nese mesmo ano, dedicáronse 130 millóns de horas diarias a realizar traballo de coidados non remunerado, tempo equivalente a 16 millóns de persoas traballando oito horas ao día e o 15 % do produto interior bruto (PIB).

CCOO destaca que a man de obra no sector dos coidados é maioritariamente feminina, cun traballo infravalorado, con baixos salarios e, en xeral, precario. Ademais, as mulleres seguen asumindo máis das tres cuartas partes do traballo non remunerado dos coidados. «Isto explica as traxectorias laborais descontinuas e as fendas salariais», apunta Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social do sindicato.

Doutra banda, en Galicia, o sistema de atención á dependencia continúa a ser «insuficiente». En 2009, as persoas que recibían prestación representaban o 1,03 % da poboación empadroada, porcentaxe similar á da media estatal (1 %) pero moi lonxe da de comunidades como Cantabria, A Rioxa ou Andalucía.

Dez anos máis tarde, a proporción de persoas que reciben prestación aumentou ao 2,26 % da poboación empadroada, porcentaxe inferior á da media estatal (2,32 %), e con case oito mil persoas en listaxe de espera no sistema —datos do mes de xuño—.

Actualmente, Galicia segue ocupando a décima posición entre as comunidades autónomas e perde posicións. A situación «chama a atención», indica Bouza, porque a galega é das comunidades máis avellentadas, así que, en principio, tamén debería estar entre as que máis demandan a cobertura do sistema de dependencia. Alén disto, a media de gasto por persoa dependente no 2018 foi case mil euros inferior á do Estado debido á baixa cobertura e á utilización dos servizos de menor custo.

Por iso, para o 7 de outubro, Comisións Obreiras reivindica un sistema de atención á dependencia «ao 100 %», para que as prestacións de calidade cheguen a todas as persoas que o necesitan no menor prazo posible e se adapten ás súas necesidades.

Nesta XMTD, Comisións Obreiras reclama investir en coidados para a igualdade de xénero, para a atención profesional ás persoas dependentes «e para dignificar o emprego no sector, transformándoo en traballo decente», conclúe a secretaria de Emprego e Previsión Social do sindicato.