CCOO pide unha OPE «excepcional» e rexeita que se utilice a profesionais da saúde como «moeda de cambio»

O sindicato insta a Xunta a acatar as sentenzas xudiciais e a consolidar o emprego no Sergas
Publicado por o día 24/02/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo,Xunta de Galicia

CCOO pide unha OPE «excepcional» e rexeita que se utilice a profesionais da saúde como «moeda de cambio»
A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia rexeita que os profesionais da saúde sexan utilizados como «moeda de cambio» do PP para lograr o apoio do PSOE aos orzamentos estatais. Para o sindicato é «imprescindible» consolidar o emprego irregular que existe no Sergas e coida «impresentable» que Feijóo condicione a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) a que os socialistas apoien no Congreso dos Deputados a proposta do Executivo de Rajoy.
 
Aproveitando unha reunión cos sindicatos o pasado día 9, o conselleiro de Sanidade anunciaba unha mesa sectorial para a semana seguinte. Na xuntanza estudaríase o borrador remitido polo departamento de recursos humanos do Sergas sobre a estabilidade no emprego. Ademais, Jesús Vázquez Almuiña prometía nos medios de comunicación que este ano se convocaría unha OPE de 820 prazas, que se podería duplicar no caso de desaparecer a taxa de reposición.
 
Porén, nada máis se soubo da dita mesa sectorial. Tampouco houbo novidades a respecto da ope, alén do referido anuncio do presidente da Xunta, condicionando a convocatoria de 1600 prazas a que prosperen os orzamentos de Rajoy.
 
OPE «excepcional» para consolidar o emprego CCOO-Sanidade defende a consolidación das prazas irregulares, que actualmente aparecen baixo a figura de servizos determinados ou acumulación de tarefas. O sindicato insta a Xunta a consolidalas, xa que así o indican numerosas sentenzas xudiciais. En opinión de Comisións, a fórmula axeitada é unha OPE «excepcional» que en ningún caso incrementaría o gasto, pois «o que resulta caro é non dar solución aos múltiples contratos en fraude de lei que existen no Sergas».