CCOO pídelle á Xunta «medidas axeitadas» para que os postos de traballo creados no verán se convertan en «estables e con dereitos»

O sindicato demanda que Núñez Feijóo recupere a Consellaría de Traballo unha vez tome posesión como presidente
Publicado por o día 27/10/2016 na sección de CC.OO,Sindicatos,Vigo,Xunta de Galicia

CCOO pídelle á Xunta «medidas axeitadas» para que os postos de traballo creados no verán se convertan en «estables e con dereitos»

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia pídelle á Xunta «medidas axeitadas» para que os postos de traballo creados no verán se convertan en «estables e con dereitos». A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, coida que o Executivo autonómico debe habilitar os mecanismos necesarios a través dunha «verdadeira» política na materia que converta en estruturais os postos de traballo conxunturais. Cómpre sinalar que, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) que hoxe coñecemos, a maior parte do traballo creado foi temporal e asociado aos servizos.

A sindicalista afirma que o paro segue a ser o «principal problema» da economía galega. Ademais, cualifica como «socialmente inasumible» que en Galicia haxa 206.700 persoas sen traballo, segundo a EPA, das cales o 45 % levan procurando un emprego dous ou máis anos. En opinión de Bouza, ter un emprego é garantía de contar con protección social, algo difícil cos postos de traballo actuais, sen case dereitos asociados.

Por este motivo, a secretaria de Emprego de CCOO coida que unha das primeiras medidas que deberá aplicar Alberto Núñez Feijóo, tras a toma de posesión como presidente, é a recuperación da Consellaría de Traballo, para que a Xunta poida desenvolver políticas de emprego «de maneira máis eficaz».

Datos da EPA

Segundo a última EPA, en Galicia creáronse 23.900 empregos no terceiro trimestre de 2016 (+2,31 %) e o número de persoas ocupadas subiu ata 1.057.900, co que aínda quedan por recuperar 158.500 empregos para volver aos valores de hai oito anos. Amais, o 13 % da poboación ocupada en Galicia ten un posto de traballo a tempo parcial. Este tipo de xornada reflicte a precariedade laboral porque no 63 % dos casos non responde a un desexo dos traballadoras e traballadoras: só un 10 % afirmou buscala.

Por sectores, mantense a ocupación na construción e sobe nos restantes: 5.500 persoas ocupadas máis no primario (+8,1 %), 8.200 máis na industria (+5,2 %) e 10.100 máis nos servizos (+1,4 %). Por sexos, medrou máis a ocupación masculina que a feminina (13.900 ocupados máis fronte a 10.000 ocupadas máis).

No que atangue á evolución do emprego asalariado, 27.000 persoas máis traballan por conta allea pero a maioría dos empregos que se crearon son temporais: 20.700 temporais máis (+9,9 %) fronte a 6.300 indefinidos máis (+1,0 %). Polo tanto, a taxa de temporalidade subiu desde o 25,8 % no segundo trimestre de 2016 ata o 27,4 % no terceiro trimestre do ano.

O emprego asalariado creado concentrouse mormente no sector privado: 25.800 persoas asalariadas máis no privado (+4,1 %) e 1.200 máis no público (+0,7 %).

A pesar de non figuraren no paro 16.200 persoas en relación co trimestre anterior, o desemprego segue cebándose cun número avultado de persoas: 206.700; delas, o 45 % buscan un emprego desde hai dous ou máis anos. A taxa de paro está no 16,3 % (15,7 % nos homes e 17,1 % mulleres) e no caso das persoas menores de 30 anos sobe ata o 27,9 %. O catálogo de condicións extremas non remata aí porque en 72.100 fogares todos os seus membros activos están en paro e en 34.800 vivendas ninguén percibe ingresos.

En termos anuais, seguimos avanzando máis devagar na recuperación do emprego que na media estatal (1,82 % fronte ao 2,65 %). E continúa a incesante caída da poboación activa entre a xente nova (21.000 persoas activas menos menores de 40 anos fronte a 23.600 activas máis maiores desa idade).