CCOO presenta dez propostas para reducir a precariedade e mellorar a calidade do emprego

A mocidade é o colectivo máis castigado pola precariedade: as tres cuartas partes das persoas menores de 25 anos que están a traballar, fano cun contrato temporal
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO presenta dez propostas para reducir a precariedade e mellorar a calidade do emprego

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou esta mañá dez propostas para reducir a precariedade e mellorar a calidade do emprego. As medidas están incluídas en ‘Emprego precario, vida precaria’, un estudo en que a organización sindical fai unha pormenorizada radiografía do mercado de traballo galego. Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, apunta que este estudo non só analiza a precariedade, senón que profundiza en como inflúe na clase traballadora. A esta realidade intenta dar resposta CCOO coas dez medidas explicadas hoxe.

En opinión da sindicalista, os anos de aplicación de políticas de austeridade e reformas estruturais axudaron a tornar «crónica» a precariedade do emprego no noso mercado laboral. A precariedade laboral, ademais, «conduce a unha vida precaria e menoscaba a dignidade das persoas», sentencia Bouza, ao tempo que salienta que a precariedade trouxo consigo «o fenómeno da pobreza laboral: traballar e ser pobre».

Segundo a súa análise, as causas da precariedade non se atopan no lado da oferta de forza de traballo, senón no da demanda, en concreto na «combinación de diversos factores», entre eles unha xestión empresarial baseada na competencia a baixos custos e prezos ou as reformas laborais. «Estes factores compleméntanse e refórzanse co uso fraudulento das posibilidades legais de contratación temporal e da flexibilidade interna», denuncia Bouza, de aí que as propostas do sindicato incidan neles.

Facer excepcional a contratación temporal

Para reducir a precariedade laboral e mellorar a calidade do emprego, CCOO propón regular a contratación laboral segundo o principio de causalidade, isto é, que a norma sexan os contratos estables e que os temporais unicamente se conten como excepcións á regra. O sindicato tamén defende reordenar o réxime xurídico do despedimento e recuperar a normativa previa á reforma laboral, ao tempo que reverter o actual sistema de flexibilidade interna negociada —que amplía as facultades unilaterais da empresa sobre aspectos básicos das condicións de traballo.

No que atangue aos modelos de contrato, Comisións quere que se modifique o contrato a tempo parcial para asegurarlles unha retribución suficiente e unha seguridade na organización do tempo de traballo ás persoas empregadas. Asemade, pide revisar a regulación dos contratos formativos co fin de garantir o seu propósito. CCOO tamén pide substituír o actual sistema de bonificacións/subvencións á contratación por outro en que prime a contratación das persoas con maiores dificultades para a súa inserción.

Para CCOO, débese garantir o carácter e a xestión pública do Fogasa, así como o cobramento das prestacións nun período máximo de 90 días e o aumento do seu importe. O sindicato tamén defende incrementar o investimento público nos Servizos Públicos de Emprego para dotar estas oficinas dos recursos necesarios, tanto de persoal como de ferramentas axeitadas.

Combater a precariedade desde os convenios

A negociación colectiva é outro dos elementos para combater a precariedade, e CCOO seguirá a traballar para introducir nos convenios medidas para reducir a temporalidade. Entre elas, por exemplo, fixar taxas máximas admisibles, enumerar as tarefas susceptibles de ser desempeñadas con contratos temporais —e limitar a duración destes— ou establecer o número máximo de contratos temporais e a súa duración.

A décima proposta sería establecer na Xunta e nas Administracións locais un acordo de limitación da temporalidade —ata un máximo do 8 % do total dos cadros de persoal de cada Administración—, así como os procedementos para que prevalezan as empresas con taxas de temporalidade baixas nos concursos de contratación administrativa das diferentes Administracións públicas.

Exhaustiva radiografía do mercado de traballo

As propostas defendidas por Maica Bouza susténtanse na «dura» realidade do mercado laboral de Galicia, «perfectamente radiografado» no estudo presentado hoxe, Emprego precario, vida precaria. Silvia Parga, economista de CCOO e autora deste traballo, afirma que nos últimos medrou a economía e que tamén o fixo o emprego, se ben en menores proporcións. Con todo, criticou que non se fale da «pésima calidade» dos postos de traballo creados, con predominio dos contratos temporais, de xornada parcial non voluntaria, baixos salarios ou horas extraordinarias non pagadas.

Cinco anos despois de se aprobar a reforma laboral do PP, en Galicia hai máis xente a traballar, pero o emprego creado é de peor calidade: hai 10.000 persoas ocupadas máis a tempo parcial e 3.200 menos a xornada completa, segundo os últimos datos dispoñibles.

Segundo Parga, os datos de contratación do servizo público de emprego corroboran que se están facendo demasiados contratos temporais e de duración moi curta. A economista ilustrou a afirmación con dous datos: o 92,18 % dos contratos rexistrados nos oito primeiros meses de 2017 foron temporais e o 36 % dos contratos temporais iniciais tiñan unha duración inferior á semana.

Substitución de emprego indefinido por temporal

Aumentou a taxa de temporalidade e persiste a alta rotación, coa substitución de emprego indefinido por temporal: 30.200 persoas indefinidas menos ca no segundo trimestre de 2012 fronte a 44.600 temporais máis; como consecuencia, a taxa de temporalidade subiu do 22,1 % no segundo trimestre de 2012 ao 27,2 % cinco anos despois.

No segundo trimestre de 2017, o 13,9 % das persoas ocupadas tiñan un emprego a tempo parcial, fronte ao 13 % de cinco anos antes. Ademais, aumentou a xornada parcial non desexada: no segundo trimestre de 2012, un 60,4 % das persoas empregadas nesta situación aceptaran ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a tempo completo; cinco anos despois, a porcentaxe sobe case dous puntos, situándose no 61,8 %.

Outro fenómeno da precariedade é a proliferación das horas extras que non se pagan, afirmou Parga. No segundo trimestre do 2017, máis da metade (55 %) non se remuneraron.

A xuventude, a máis castigada

A taxa de temporalidade aumentou tanto no sector privado coma no público. No privado subiu 4,5 puntos, ata situarse no 28 %; no público, 6,4 puntos, situándose no 24,2 %. O colectivo máis castigado pola alta temporalidade é a xuventude: a taxa de temporalidade nas persoas de 25 a 29 anos está no 59,4 %, disparándose ata o 75,1 % nas menores de 25.

Menos prestacións

As prestacións por desemprego cada vez chegan a menos xente. Segundo se deduce dos datos do Servizo Público de Emprego Estatal, no mes de xullo de 2017, o 52,3 % das persoas en paro que tiñan experiencia laboral non percibían prestacións por desemprego. Cinco anos antes, a porcentaxe era do 65,2 %. Tamén houbo un empeoramento da calidade polo transvasamento das prestacións contributivas aos subsidios: en xullo de 2012, o 52,6 % das prestacións eran contributivas e o 39,4 %, subsidios; agora, a porcentaxe das primeiras baixa ata o 42,9 % e os segundos soben ata o 43,9 %.