CCOO presentou os actos do Día da Clase Obreira Galega coa ollada posta na grave crise industrial que padece o país

O sindicato e a súa fundación homenaxearán as traxectorias de compromiso e loita de Palmyre Ros, Berta Trigo e Plácido Cal
Publicado por o día 28/02/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO presentou os actos do Día da Clase Obreira Galega coa ollada posta na grave crise industrial que padece o país

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou hoxe os actos conmemorativos do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. O secretario xeral, Ramón Sarmiento, apuntou que este ano se desenvolverá nun contexto singular, marcado por unha profunda crise industrial e pola convocatoria de eleccións ao Parlamento galego.

Os actos principais serán a entrega dos Premios 10 de Marzo, que se outorgarán nun acto en Santiago de Compostela o día 7. Xa en Ferrol, o propio Día da Clase Obreira Galega, haberá unha ofrenda floral no monumento ao Dez de Marzo (11:30), lugar desde onde sairá pola tarde (19:00) unha manifestación.

Afrontar os procesos de transformación

Na súa intervención, o secretario xeral de CCOO sinalou que «estamos inmersos en procesos de transformación que son globais». Deles, hai territorios que sairán gañadores, e outros, perdedores. «Esiximos que se tomen medidas para que Galicia sexa das gañadoras».

As forzas políticas que concorren ás eleccións do 5 de abril «deben interiorizar que cómpre dar respostas concretas a cada un dos procesos de cambio», exhortou Sarmiento. O dirixente sindical fixo tamén un «chamamento ao mundo do coñecemento» para participar neste labor, xa que as universidades non son unicamente «onde se forma o mellor da sociedade galega», senón que ademais fan innovación e progreso. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO afeoulle á Xunta que a relatora do Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030 sexa «unha consultora privada» cando o país conta con tres universidades públicas.

Por último, Sarmiento apelou ao lema do 10 de Marzo deste ano, «Memoria de loita e traballo», para reivindicar que as propostas do sindicato «teñen toda unha tradición e traxectoria de loita por tras». Tamén «teñen ideoloxía, e non queremos que nos gobernen tecnócratas sen ideoloxía», matizou, para concluír sentenciando que «a memoria é moi necesaria e a desmemoria é moi perigosa».

O «legado» de Feijóo

A secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza, explicou as principais liñas do documento de propostas que o sindicato fará chegar nos próximos días ás forzas políticas concorrentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia, «para que as estuden e, se así o consideran, inclúan nos seus programas».

As propostas de CCOO, «moi concretas», queren dar resposta á «grave situación» dos sectores industriais, pero tamén ás dificultades de milleiros de galegos e galegas. O «legado de Feijóo para Galicia é un deserto industrial e a precariedade que abafa as mulleres e a mocidade», resumiu Bouza.

Hoxe en día hai máis poboación en risco de exclusión que once anos atrás; máis de 50.000 fogares teñen todos os membros no desemprego e en 30.000 non entra ingreso ningún; o sistema de atención á dependencia acumula longas listaxes de espera e sume na precariedade as traballadoras, que son maioría no sector; e milleiros de mozos e mozas «emigran cada ano á procura dun proxecto de vida e de traballo que non poden desenvolver na súa terra», lamentou a secretaria de Emprego de CCOO.

Por esta razón, as propostas de CCOO van encamiñadas a que en Galicia se xere «máis e mellor emprego», a que haxa un sólido sistema de protección social, a que se mobilicen recursos públicos e se implementen políticas en materia industrial, de infraestruturas ou de vivenda. «Queremos que Galicia recupere o terreo perdido nos últimos once anos», concluíu a sindicalista.

Premios 10 de Marzo

Pola súa parte, o presidente da Fundación 10 de Marzo, Xan María Castro, referiuse á entrega dos premios do mesmo nome o vindeiro sábado, día 7, cos que CCOO e a súa Fundación homenaxearán as traxectorias de loita e compromiso social de tres persoas.

Este ano, as galardoadas serán Palmyre Ros Ramos, filla de exiliados republicanos en Francia e impulsora, en Vigo, da revista feminista Alborada; Berta Trigo Culler, traballadora do sector da conserva e referente sindical na comarca de Arousa; e Plácido Cal Faraldo, metalúrxico e responsable comarcal do Metal durante moitos anos na comarca da Coruña.

Comentar noticia

Your email address will not be published.