CCOO propón que os estaleiros contraten directamente a construción dos buques e pide reunir a mesa do naval de Vigo

O sindicato comarcal de CCOO-Industria de Vigo alerta do efecto dominó de Vulcano e Barreras sobre as industrias auxiliares, que teñen subcontratada a construción naval
Publicado por o día 15/10/2019 na sección de CC.OO,Galicia,Naval,Sindicatos,Vigo

CCOO propón que os estaleiros contraten directamente a construción dos buques e pide reunir a mesa do naval de Vigo

Os delegados de CCOO dos Estaleiros Vulcano, Metalships, Barreiras, Nodosa, Armon e Freire reuníronse esta mañá nas instalacións de Metalships en Teis, pois a dirección de Barreiras negou a posibilidade de realizar a xuntanza nas súas instalacións. Nesta reunión, en que participou o secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, tratáronse cuestións como a liquidación de Vulcano, os problemas de Barreras, a situación da industria auxiliar e medidas a tomar.

Vulcano e Barreras

O sindicato comarcal de Industria de CCOO realiza unha reunión cada mes cos delegados dos estaleiros da ría de Vigo, nas que se trata a situación de cada empresa. Desde hai meses xa se falaba da situación crítica de Vulcano, agora en liquidación, e dos problemas de Barreras, que solicitou recentemente o preconcurso de acredores.

CCOO lamenta que as alertas sobre Barreras non fosen tidas en conta e apunta a causas como a nefasta xestión empresarial, a falta de implicación da Xunta ou os problemas de financiamento.

Propostas de CCOO

Para CCOO, hoxe en día é un erro continuar coa estratexia empresarial, imposta hai anos, de ter persoais mínimos nos estaleiros —sobre todo para a parte técnica— e subcontratar a construción con empresas auxiliares. Con este modelo, a quitación en Vulcano e a falta de pagamento de Barreras poden supor unha «ferida mortal» para toda a industria auxiliar e provocar un efecto dominó en toda a ría de Vigo.

Para evitar esta situación, CCOO propón que os propios estaleiros realicen a contratación directa de traballadores e traballadoras para realizar as tarefas que actualmente fai a industria axuliar e así garantir profesionais para construir e rematar os buques.

Mesa do sector naval

Ante as enormes dificultades polas que está a atravesar o sector, CCOO coida urxente volver constituír a mesa do naval da ría de Vigo e sentar así a todas as partes (estaleiros, industria auxiliar, sindicatos e Xunta) para acordar medidas que impidan a desaparición dun sector estratéxico para a economía galega.

Fondo de garantías recíproco

Segundo CCOO, a maioría dos problemas do sector acaban «impactando unha e outra vez nos máis débiles», que neste caso son as empresas auxiliares. Esta situación provoca crebas e peches. Pore esta razón, o sindicato coida necesaria a creación dun fondo de garantías recríproco, con achegads de empresas de Administración, para salvagardar os intereses da industria auxiliar e a súa viabilidade ante situacións inesperadas.

Asemblea do metal

O vindeiro xoves, 17 de outubro, CCOO realizará unha semblea cos delegados e delegadas do sector do metal de Vigo, incluída a industria auxiliar, para analizar a situación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.