CCOO repróchalle a Ethel Vázquez que «engane a cidadanía» sobre o modelo de transporte que propón a Xunta

No sindicato consideran «vergoñento» que a conselleira se «escude» na experiencia de Castela e León, cando o sistema que alí funciona é diferente ao anunciado polo Goberno galego
Publicado por o día 29/06/2017 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

CCOO repróchalle a Ethel Vázquez que «engane a cidadanía» sobre o modelo de transporte que propón a Xunta

Comisións Obreiras (CCOO) repróchalle á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que «engane a cidadanía» sobre o modelo de transporte de viaxeiras e viaxeiras en autobús que propón a Xunta. No sindicato coidan «vergoñento» que a dirixente autonómica se «escude» na experiencia de Castela e León, cando o sistema que fuciona nesa comunidade é diferente ao anunciado polo Goberno galego, que desembocou na convocatoria de folga.

O voceiro de CCOO no sector, Marcos Pérez, define como «papelón» a intervención de onte do conselleiro castelán-leonés de Fomento, Juan Carlos Suárez Quiñones, que explicou as supostas «bondades» do modelo da súa comunidade. Porén, o sindicalista alerta das «substanciais diferenzas» e acusa a conselleira galega de «pretender enganar».

O responsable do sector de estradas de CCOO tamén se pronunciou sobre as críticas de Vázquez á mobilización, chegando a conselleira a afirmar que secundar a folga «non é negociar». Ante estas palabras, Marcos Pérez lémbralle á responsable de Infraestruturas que «foi ela a que forzou a ruptura das negociacións» ao romper o acordo a que se chegara para a realización dunha reunión tripartita entre a Xunta, a patronal do sector e os sindicatos.

Marcos Pérez afirma que os sindicatos están abertos ao diálogo, «pero sobre as bases existentes antes de que a Xunta cambiase as regras», puntualiza.

Éxito da cuarta xornada de folga

O voceiro de CCOO aplaude o «éxito de seguimento» da cuarta xornada de folga do sector de transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús. Novamente, a imaxe do día foron as plataformas baleiras en todas as estacións do país e os autobuses estacionados. Para o sindicalista, isto é «a proba de que o persoal do sector está unido e agora debe ser a Xunta a que mova a súa posición».