CCOO reúnese coa Marea de Vigo e preséntalle un informe para a ampliación do Servizo de salvamento, socorrismo e accesibilidade ao baño nas praias viguesas

Publicado por o día 12/04/2019 na sección de CC.OO,Marea Vigo,Política,Sindicatos

CCOO reúnese coa Marea de Vigo e preséntalle un informe para a ampliación do Servizo de salvamento, socorrismo e accesibilidade ao baño nas praias viguesas

Este pasado mércores, 10 de abril, o representante dos traballadores e traballadoras de Comisións Obreiras no Servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello de Vigo mantivo unha xuntanza con Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo e candidato nas eleccións municipais do mes de maio. O delegado de persoal de CCOO entregoulle á Marea de Vigo un Informe/Proposta para a ampliación da tempada de salvamento, socorrismo e accesibilidade ao baño nas praias viguesas, un servizo que na actualidade só cobre tres meses.

Diferentes estudos recollen que Vigo é a cidade de España onde remata máis tarde o verán, o que fai que as nosas praias estean sen vixilancia durante semanas. Así mesmo, outros concellos do Estado teñen servizo de socorrsimo durante catro meses completos e reforzos nos meses de maio e incluso outubro.

A Marea de Vigo asumiu o compromiso de recoller no seu programa electoral a ampliación do Servizo para mellorar a cobertura nos areais da nosa cidade. Así mesmo, comprometeuse a presentar unha moción no Pleno Municipal do vindeiro 24 de abril para a ampliación deste servizo municipal de xestión externa. CCOO seguirá traballando pola mellora da calidade do Servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello e polas condicións laborais dos traballadores e traballadoras.