O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) organizou este mércores unha xornada para explicar as propostas sindicais dirixidas a mellorar o Sistema de Atención á Dependencia (SAAD), ás que asistiron un cento de persoas. As precarias condicións de traballo centraron boa parte do debate. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, foi categórico ao afirmar que «un sector vinculado 100 % aos recursos públicos non pode estar 100 % precarizado».
Segundo o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, o prezo por hora de traballo que orza a Xunta é de 9,7 euros, unha cifra foi afastada do valor mínimo que lle outorga o sindicato, que ascende a 14,10 euros/hora, ao que cómpre engadir a marxe de beneficio empresarial e outros conceptos. Por esta razón, CCOO impugnará todo concurso público adxudicado por baixo de 17,5 euros/hora.
Máis dunha década da Lei de dependencia
Na súa intervención, a secretaria de Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, sinalou que desde a implantación da Lei de dependencia, hai máis dunha década, 61.636 persoas reciben hoxe en día unha prestación efectiva en virtude desta lei. A supera, por exemplo, a de persoas perceptoras dunha pensión non contributiva da Seguridade Social.
Malia o «evidente atraso» que arrastra a implantación do sistema de atención á dependencia, confírmase unha «reactivación no seu nivel de cobertura» desde mediados de 2015, coa plena implantación e integración do grao I de dependencia. Na actualidade, a maioría das prestacións de dependencia consisten en servizos profesionais (82 % do total). Porén, nesta gama de servizos priman os máis baratos, como a teleasistencia.
Bouza salientou que a atención á dependencia é un sector «altamente feminizado», pois os coidados desempéñanos maioritariamente mulleres tanto profesionais (91 % do emprego total) como familiares (92 % dos coidados non profesionais).
Listaxe de espera
Segundo Bouza, a listaxe de espera é un dos retos que afronta o sistema de dependencia. No ano 2019 había 8456 persoas nesta situación, isto é, o 12,1 % das que tiñan recoñecido o dereito a prestación, o que supón que a listaxe de espera medra (652 persoas máis) por primeira vez desde 2016. «Ata que esta listaxe non se resolva, non se pode falar dunha implantación completa do sistema».
Campaña
Acompañada por Bouza, a súa homóloga confederal, Paula Guisande, presentou a campaña «Dependencia ao 100 %», que ten como obxectivo esixir a chegada das prestacións e servizos a todas as persoas que teñan dereito. Baséase en tres eixes, sendo o primeiro deles esixir que o Estado cumpra a súa obriga, que é financiar a metade do custo do sistema (actualmente, só achega o 25%). O segundo, reverter os recortes impostos polo PP no ano 2012 e apostar pola calidade nos servizos e o epmrego. Por último, atribuír aos Xulgados do Social a competencia sobre a dependencia, algo xa previsto na Lei 36/2011, reguladora da xurisdición social.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.