CCOO rexeita a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy

O sindicato xa alertara desta posibilidade e denuncia a política de deslocalizacións da compañía enerxética
Publicado por o día 30/10/2019 na sección de CC.OO,Galicia,Ourense,Protestas,Sindicatos

CCOO rexeita a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy

A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia rexeita a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy, que se producirá a partir do 15 de novembro. Desde comezos de ano, o sindicato viña denunciando a política de deslocalizacións da compañía enerxética, reducindo carga de traballo nos centros de chamadas da Coruña e Ourense.

No ano 2018, entre Teleperformance (A Coruña) e Unitono (Ourense) sumaban máis de 460 postos de traballo. A día de hoxe mantéñense 150 empregos na primeira, mentres que a segunda podería perder máis de cen, ficando en preto de cincuenta.

CCOO mantivo reunións coa Xunta de Galicia para que actuase de intermediaria entre o comité de empresa de Unitono-Ourense e Naturgy. Froito desta mediación, a compañía enerxética comprometeuse co mantemento do servizo en Galicia e, concretamente, en Ourense.

Porén, a dirección de Unitono acáballe de comunicar ao comité de empresa a perda do servizo prestado a Naturgy. Con todo, ata o asinamento da adquisición da empresa por parte do grupo GSS, que se prevé para comezos de novembro, non se aplicaría medida ningunha canto ao persoal.

Comisións rexeita a destrución de emprego que se está a producir no sector dos centros de chamadas, que responde a intereses «puramente económicos que non valoran a calidade dos servizos que se prestan aquí», apunta Iván Cordeiro, responsable da Agrupación de Servizos Técnicos de CCOO.

Comentar noticia

Your email address will not be published.