A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras rexeita o anteproxecto para modificar a Lei 8/2008 de saúde de Galicia. O texto foi publicado no Portal de Transparencia da Xunta horas antes de que a Administración autonómica llo trasladase oficialmente aos sindicatos. «Así é como concibe o noso Goberno a negociación e a transparencia», censura Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
O sindicato critica a supresión das áreas sanitarias de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Burela e O Salnés. Fronte ao criterio da Xunta, que fala de «optimizar recursos», CCOO asegura que é «un paso máis» para facer desaparecer recursos, especialidades e profesionais, «despexando o camiño para a privatización».
Outro argumento da Xunta é o suposto achegamento da sanidade e dos seus profesionais á cidadanía, para converter o doente no «centro» do sistema. Porén, «farán xustamente o contrario», asegura Cameselle: «con menos medios nos hospitais comarcais, a alternativa será desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra, incluso acudir a centros privados».
Para CCOO, o que precisa a sanidade pública galega é «rematar cos recortes constantes no SERGAS» e «investir en máis e mellores recursos» que permitan alixeirar as listaxes de espera cirúrxicas, de probas diagnósticas e consultas. Asemade, Comisións insta a negociar e acordar unha maior rendibilidade nos centros, acabar cos peches de camas e de quirófanos e abrir tanto os quirófanos como os servizos centrais —laboratorios, radioloxía e consultas— na quenda de tarde.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.