CCOO rexeita o nomeamento da ex-conselleira Rocío Mosquera como nova responsable da empresa pública Galaria

O sindicato lembra a «nefasta xestión» de Mosquera durante o seu período á fronte da Consellaría de Sanidade
Publicado por o día 04/12/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO rexeita o nomeamento da ex-conselleira Rocío Mosquera como nova responsable da empresa pública Galaria

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o nomeamento de Rocío Mosquera como nova responsable da empresa pública Galaria. O sindicato lembra que Mosquera fora destituída como conselleira de Sanidade pola súa «nefasta xestión». Critica, así mesmo, que sexa nomeada para ocupar a xerencia de Galaria malia que durante o seu mandato se negou a integrar a empresa no Sergas, como xa acordara o Goberno bipartito.

Desde CCOO-Sanidade lembran que o período de Rocío Mosquera como conselleira estivo marcado polas constantes críticas ao seu labor, que se puxeron de manifesto con «multitudinarias mobilizacións» en toda Galicia.

Rocío Mosquera tivo un papel destacado en medidas «regresivas» para a sanidade pública. Entre outras, o intento de crear unidades de xestión clínicas, respondido cunha folga xeral da sanidade galega o 9 e 10 de decembro do 2012 que impediu poñer en marcha as 24 unidades iniciais no primeiro trimestre de 2013. Tamén intentou privatizar as unidades de esterilización de Galicia e tivo constantes «xestos» co grupo de presión sanitario Sedisa, favorable ás privatizacións.

Porén, o detonante da súa destitución foi a xestión do novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un centro público cuxa xestión é privada, cun custo moito maior ca se fose totalmente público. Un hospital, lembra CCOO, no que se recortaron camas —de 1465 a pouco máis da metade, 865—, con deficiencias grandes —como a do estacionamento— e servizos que non se corresponderon co previsto.

Segundo CCOO, Rocío Mosquera restoulle a Vigo 300.000 potenciais paciente de varios servizos para axustalos ao «empequenecido novo hospital», permitindo a infrautilización do Hospital do Meixoeiro e do Hospital Nicolás Peña.

A cidadanía viguesa respondeu a isto cunha masiva manifestación o 3 de marzo do 2015, na que máis de cen mil persoas pediron na rúa a súa dimisión. Cinco meses despois da multitudinaria mobilización de marzo do 2015, en que se protestou contra esta xestión, Feijóo substituíu a Mosquera polo actual responsable da carteira sanitaria, Jesús Vázquez Almuíña.