CCOO rexeita o «brutal recorte» na unidade UME-Paliativos do Gil Casares: reabrirá con menos camas e a metade de persoal

O sindicato a Xerencia da área sanitaria de mentir e lamenta que as traballadoras e os traballadores soubesen «pola prensa» do regreso ao Gil Casares, tras tres meses en Conxo
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO rexeita o «brutal recorte» na unidade UME-Paliativos do Gil Casares: reabrirá con menos camas e a metade de persoal
A Federación de Sanidade de CCOO rexeita o «brutal recorte» na unidade UME-Paliativos do Hospital Gil Casares, en Santiago de Compostela. Tras tres meses aloxada temporalmente no Hospital Provincial de Conxo polo derrubamento parcial do teito, regresará á súa localización orixinal, pero con menos camas e recursos humanos. Concretamente, nove camas menos e, previsiblemente, seis membros menos de persoal a partir do día 15.
 
O sindicato coida que este feito demostrar que a Xerencia da área sanitaria compostelá «mentiu todo este tempo». Ademais, censura que as traballadoras e traballadores afectados soubesen pola prensa do inminente regreso ao Gil Casares. O dito regreso anunciárase para o día 1 de outubro, pero finalmente adiantouse a hoxe, 28 de setembro.
 
Con todo, a intranquilidade do persoal persiste, xa que as quendas de traballo só están planificadas ata o vindeiro 15 de outubro e con menos traballadoras e traballadores, como xa se indicou. Segundo CCOO, as camas e a dotación de persoal que a Xerencia pretende deixar na unidade son «claramente insuficientes» para cubrir as necesidades asistenciais que require a poboación desta área e este perfil de pacientes, segundo marca a lei 5/2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais.
 
Comisións lembra que o número de doentes con demencia e susceptibles de coidados paliativos se incrementa en Galicia de ano en ano «e a área de Santiago non é allea a esta tendencia, polo que non se entende o recorte», que aínda será maior no futuro próximo. Cando comecen as obras de construción da nova Facultade de Medicina, que ocupará os terreos do Gil Casares, a unidade voltará ao Hospital Provincial, ás dependencias que ocupaba Medicina Interna, coa desaparición de 19 camas máis.

CCOO critica a hipocrisía do conselleiro

Por último, CCOO coida «hipócrita» que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acuda xornadas como as realizadas co gallo do Día Mundial do Alzheimer para «contar as bondades» da atención aos pacientes con demencia, «ao tempo que consente que se recorten recursos públicos na área sanitaria de Santiago».