CCOO rexeita o «plan de estabilidade» do SERGAS e pide unha «mega OPE» excepcional

A Federación de Sanidade do sindicato coida «insuficientes» as 438 prazas que prevé crear a Xunta
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO rexeita o «plan de estabilidade» do SERGAS e pide unha «mega OPE» excepcional

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia rexeita o «plan de estabilidade» do SERGAS, presentado na última mesa sectorial. Segundo o sindicato, «nin é un plan nin dá estabilidade», pois crea «inseguridade xurídica» e non freará as demandas do persoal que se sinta agraviado. Ademais, as 438 prazas que prevé crear a Xunta mediante unha oferta pública de emprego (OPE) son «claramente insuficientes», a xuízo de CCOO, para recuperar o emprego destruído nos últimos anos e rematar coa precariedade na Administración sanitaria.

Comisións leva xa varias xuntanzas —desde xuño do ano pasado— pedindo a relación nominal de todos os contratos, especialmente nos casos de interinos, servizos determinados e outros irregulares, como os de acumulacións de tarefas. Segundo o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, entre estes contratos e os destruídos por mor da taxa de reposición, serían en total 3000 postos de traballo os que habería que dotar de estabilidade. Para isto propón convocar unha «mega OPE» excepcional.
Porén, o SERGAS «camiña en dirección contraria» a outras comunidades autónomas e o propio Ministerio, que si falan dunha «verdadeira» estabilidade e consolidación do emprego.
CCOO defende o acordo alcanzado con UGT e FSES para pedir unha OPE excepcional, un real decreto de homologación de baremos e modificacións legais do Estatuto básico do empregado público (EBEP) e do Estatuto marco. CCOO-Sanidade manifestou na mesa de negociación que rexeitará calquera acordo que non se axuste a este contido.