CCOO rexeita «solucións corporativas» para os problemas da sanidade pública e insta a tratalos na mesa de negociación

O sindicato critica a actitude da «autoproclamada coordinadora de médicos de atención primaria»
Publicado por o día 02/05/2019 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO rexeita «solucións corporativas» para os problemas da sanidade pública e insta a tratalos na mesa de negociación

Comisións Obreiras rexeita «solucións corporativas» para os problemas da sanidade pública, pois «atanguen a todos os profesionais» independentemente do tipo de centro en que presten servizos. Ademais, esixe tratar as problemáticas na mesa de negociación aberta co Sergas, que permitiu hai case un mes desconvocar a folga na atención primaria.

Para CCOO, a maioría dos problemas son «comúns» a todos os colectivos profesionais, tales como as «intolerables» listaxes de espera, a devolución dos tres días de libre disposición, a xornada de 35 horas de que xa goza o persoal sanitario da maior parte das comunidades autónomas ou unha carreira profesional que non exclúa colectivo ningún —Comisións non asinou a actual, porque deixa fóra a metade das traballadoras e traballadores.

Canto á situación concreta da atención primaria, CCOO-Sanidade critica a actitude da «autoproclamada coordinadora de médicos de atención primaria», que apoiaba a convocatoria de folga para conseguir a apertura dunha mesa de negociación. Para o sindicato, «sorprende» que, unha vez que o Sergas acepta negociar as reivindicacións, «unha parte do persoal médico critique a desconvocatoria da folga».

Comisións participa na mesa de negociación para esixir, en primeiro lugar, a creación de máis postos de traballo en todas as categorías, e non só para a medicina de familia; e a cobertura do 100 % das ausencias, e a non amortización de prazas de certas categorías.

Precisamente, o sindicato foi moi crítico cos colexios médicos e algunha sociedade científica que chegou a asinar coa Administración un acordo para crear sesenta prazas de médicos e médicas de familia ata o ano 2021. «Ademais de ser un acordo moi insuficiente, deixou fóra o resto de categorías profesionais», sinala Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.

Así mesmo, CCOO defende que todo o persoal cobre en función do número de tarxetas individuais sanitarias (TIS), axustando a cantidade que se perciba ao grupo profesional que corresponda. Segundo o sindicato, categorías como persoal de servizos xerais (PSX) ou auxiliares de enfermaría (TCAE) non cobran nada en función do número de cartillas que atenden.

Ligado a isto, Comisións pide establecer ratios para todo o persoal de atención primaria, cun máximo de 1200 TIS para persoal médico e de enfermaría, e de 800 en pediatría, como medida necesaria para asegurar que se dispón dunha atención mínima de dez minutos para cada doente.

Comisións tamén reivindica que os centros de atención primaria dispoñan de vehículos para os desprazamento domiciliarios. Mentres iso non sexa así, Cameselle pide unha «mellora substancial» do que se cobra por este concepto e que o Sergas asegure o vehículo ante calquera sinistro na xornada laboral. Por último, esixe un «incremento substancial» dos orzamentos sanitarios, pasando do 5,7 % do PIB ao 7,2 % do PIB; e, desta porcentaxe, destinar a cuarte parte á atención primaria —actualmente, só o 12,1 %.

Comentar noticia

Your email address will not be published.