CCOO-Sanidade avoga polo reforzamento da fisioterapia na atención primaria

O Sergas ofrece contratar corenta profesionais para esta especialidade, mais o sindicato eleva as necesidades a, polo menos, setenta
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO-Sanidade avoga polo reforzamento da fisioterapia na atención primaria

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia avoga polo reforzamento da fisioterapia na atención primaria. Igual ca noutras categorías, a oferta do Sergas é «insuficiente», afirma o sindicato. No caso concreto desta especialidade, a Administración sanitaria propón contratar corenta profesionais, mais CCOO eleva as necesidades a polo menos setenta.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameseselle, argumenta esta petición na elevada listaxe de espera que rexistra a fisioterapia, que nalgúns casos chega a un ano. Isto supón un «problema social e de saúde» para as persoas usuarias, así como unha sobrecarga asistencial para as médicas e médicos de familia, pois case un terzo das consultas obedecen a alteracións musculoesqueléticas.


Incrementando o número de fisioterapeutas á cifra que pide CCOO, Galicia situaríase en case un profesional por cada dez mil persoas. Isto permitiría tratar a tempo determinadas situacións que xa non precisarían chegar á sobrecargada medicina de familia. Cameselle asegura que isto tamén evitaría derivacións ao sector privado, «que son moi numerosas», especialmente en Ferrol, Pontevedra e Vigo.

Autonomía na xestión

Así mesmo, o voceiro de CCOO coida necesario que estes profesionais teñan autonomía na xestión. Por iso, o sindicato pide o nomeamento de responsables de coordinar a actividade por área. Igualmente, ve necesario contar con fisioterapeutas para a atención domiciliaria, tanto para tratar as persoas dependentes como para educar as persoas coidadoras no ámbito da súa especialidade.

Por último, o secretario xeral de CCOO-Sanidade pide liberar do traballo administrativo a estes profesionais, de xeito que se poidan «dedicar integramente á recuperación, prevención e promoción da saúde». Isto implicaría contratar máis persoal de servizos xerais (PSX) para asumir as devanditas tarefas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.