CCOO-Sanidade esixe unha OPE excepcional para rematar coa precariedade laboral no SERGAS

O sindicato esixe a fin da precaridade laboral no Servizo Galego de Saúde ou intensificará a batalla xurídica e iniciará os contactos para un proceso unitario de mobilizacións
Publicado por o día 07/10/2016 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO-Sanidade esixe unha OPE excepcional para rematar coa precariedade laboral no SERGAS

O sindicato esixe a fin da precaridade laboral no Servizo Galego de Saúde ou intensificará a batalla xurídica e iniciará os contactos para un proceso unitario de mobilizacións.

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia esixe a fin da precaridade laboral no SERGAS. A reivindicación sindical ampárase en recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea, que declara contrario á normativa comunitaria o encadeamento de contratos que practican, entre outros, os diferentes servizos autonómicos de saúde.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, explica que Comisións e outras organizacións xa levaban anos denunciando estas prácticas porque «precarizan a actividade laboral, pois as necesidades permanentes non deben converterse, de forma fraudulenta, en contratos sucesivos».

Na mesa sectorial que se xuntará mañá venres, día 7, CCOO demandará unha oferta de emprego público (OPE) de carácter «excepcional», que consistiría en 3500 prazas. O sindicato defende que a convocatoria se realice sen que iso implique incremento orzamentario, é dicir, que consista en prazas orzadas que, ou ben están ocupadas por persoal interino, ou ben se manteñen sen cubrir. Con esta OPE excepcional, reduciríase a porcentaxe de temporalidade, situada actualmente no 30 %.

Para CCOO, a consolidación do emprego é un obxectivo «ineludible», así como «imprescindible» para rematar coa «sangrante» perda de emprego por mor das taxas de reposición e a «escasa e fraudulenta» contratación. Así mesmo, o sindicato esixe a recuperación dos dereitos «arrebatados inxustamente», entre os que se atopa a xornada semanal de 35 horas.

Por último, Cameselle coida que coa creación de 3500 prazas estables se faría fronte tamén a un «reto preocupante»: o envellecemento dos cadros de persoal.