CCOO-Sanidade informa de que o acordo de carreira profesional no SERGAS non paraliza as restantes reivindicacións

O sindicato seguirá a loitar pola recuperación de todos os dereitos arrebatados ao persoal da sanidade pública
Publicado por o día 07/11/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO-Sanidade informa de que o acordo de carreira profesional no SERGAS non paraliza as restantes reivindicacións

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia informa de que o acordo de carreira profesional asinado hai pouco máis dunha semana non paraliza as restantes reivindicacións, como «de xeito malicioso e falaz» transmitiu algunha organización sindical. Neste punto, o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, é contundente á hora de afirmar que Comisións Obreiras seguirá loitando pola recuperación de todos os dereitos arrebatados ao persoal da sanidade pública galega.

 O pasado venres, 29 de outubro, CCOO e outros sindicatos asinaron un acordo de carreira profesional para todos os colectivos profesionais da sanidade pública que mellora o previamente asinado en solitario pola coalición CESM-OMEGA.

As principais conquistas do novo acordo son que abrangue a todo o persoal e non só o facultativo —como prevía a coalición de sindicatos corporativos—; ademais, por petición de CCOO-Sanidade, haberá negociación de carreira ordinaria para todo o persoal do SERGAS, isto é, o persoal eventual, funcionario e laboral que quedara excluído no acordo de carreira extraordinaria do 2007 tamén está incluído.

Tamén por petición de CCOO, no acordo non figura como premisa «garantir a paz social», como algunha organización sindical fixo ver «de xeito malicioso e falaz». O punto sexto do acordo, relativo á desconvocatoria da folga que estaba prevista para comezos deste mes, di literalmente: «As organizacións asinantes deste acordo proceden neste acto á desconvocatoria da folga prevista entre os días 1 e 3 de novembro. As organizacións asinantes non renuncian ás restantes reivindicacións recollidas na convocatoria de folga».

Logros de CCOO a través da negociación

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, salienta que Comisións é un sindicato que utiliza a negociación para chegar a «acordos favorables» para todo o persoal da sanidade pública. Neste senso, lembra que a finais do 2015 se conseguiu a recuperación dos días adicionais de libre disposición, así como vacacións adicionais —Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro dese ano—, anticipando nun ano o previsto polo Goberno.

Outros logros de CCOO son que hai un mes se conseguiu unha oferta pública de emprego (OPE) de máis de cinco mil prazas, «rachando deste xeito a forte oposición dos responsables do SERGAS», apunta o sindicalista. Son conquistas que chegaron a través da negociación, pero nalgunhas ocasións precedidas de mobilizacións e mesmo accións xudiciais, como no caso da recuperación dunha parte das pagas extras que aínda non devolveu a Xunta.

Por último, Cameselle celebra que este e outros acordos parciais permitan a progresiva recuperación dos dereitos arrebatados pola Xunta e polo Goberno de España ao persoal da sanidade pública, e agarda que os próximos orzamentos xerais do Estado permitan subas salariais por riba do IPC.