CCOO-Sanidade recrimínalle á Xerencia do CHUS o trato que dá ao persoal da enfermaría na cobertura de ausencias

O sindicato apoia as reivindicacións do colectivo canto ás necesidades de persoal para o día das oposicións, o domingo 12 de maio
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO-Sanidade recrimínalle á Xerencia do CHUS o trato que dá ao persoal da enfermaría na cobertura de ausencias

A sección sindical de CCOO-Sanidade na Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) de Santiago-Barbanza apoia as reivindicacións do persoal de enfermaría do CHUS no que atangue ás necesidades de persoal para o próximo domingo, 12 de maio, data en que se celebran oposicións desta especialidade.

Actualmente, o persoal de enfermaría está nun momento de gran precariedade profesional, polo que se haberá unha alta participación nas oposicións do domingo, con máis de oito mil persoas que aspirarán a 830 prazas.

Por esta razón, o sindicato repróchalle á Xerencia da EOXI compostelá a «pouca disposición» para retribuír os enfermeiros e enfermeiras que o domingo deberán traballar en quendas dobres ou acudir ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago no seu día libre.

Malia o importante esforzo que o persoal fará o domingo, a contraprestación que ofrece a Xerencia é aboar o día de traballo coma un día calquera, ou compensalo con outro día libre. Para CCOO é «insuficiente», debido ao importante esforzo realizado, especialmente para un colectivo profesional que xa realiza o seu labor cotián en quendas de traballo sobrecargadas.

Por esta razón, o sindicato esixe que a compensación polas quendas extras do domingo sexa igual á do persoal laboral do Sergas, isto é, unha contía equivalente a unha xornada e media traballada, ou ben dous días de descanso adicionais.