CCOO-Servizos considera «insuficiente» o complemento salarial anunciado por Inditex para Lugo e Ourense

O sindicato sostén que non hai unha verdadeira negociación nin equiparación das condicións laborais destas provincias coas restantes
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO-Servizos considera «insuficiente» o complemento salarial anunciado por Inditex para Lugo e Ourense

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia cualifica de «insuficiente» o complemento salarial anunciado por Inditex para equiparar as condicións das tendas de Lugo e Ourense coas doutras provincias. O sindicato afirma que o complemento non foi negociado, senón que o importe o decidiu unilateralmente a empresa. Ademais, non equipara realmente as condicións laborais entre os diferentes centros de traballo nin se achega ás peticións de CCOO.

CCOO-Servizos traballa para que todas as traballadoras e traballadores de Inditex teñan as mellores condicións laborais, xa sexan de tendas, loxística ou oficinas, evitando que haxa persoal de primeira, segunda e terceira categoría.

Por esta razón, CCOO afirma que a única forma «seria e responsable» de evitar diferenzas nas condicións entre o persoal é unha reunión global de Galicia. «Inditex ten que sentar a negociar de verdade, porque todo o persoal debe ter as mesmas condicións, independentemente da provincia e o centro de traballo», defende o sindicato.

CCOO insiste en que non hai negociación, senón unha decisión unilateral da empresa que non remata coas «importantes» diferenzas nas condicións laborais. «Outras opcións sindicais son moi libres de dicir e facer o que queiran, pero nós limitámonos aos feitos», conclúe o sindicato.