CCOO solicita a paralización provisional da implantación do sistema Kronos nos centros da Consellaría de Cultura

O sindicato esixe unha negociación previa e que se respecten tanto as carteleiras de traballo como os dereitos laborais adquiridos
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO solicita a paralización provisional da implantación do sistema Kronos nos centros da Consellaría de Cultura

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO remitiu cadanseu escrito á Secretaría Xeral de Cultura e á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa para que se paralice provisionalmente a implantación do sistema de control horario Kronos no ámbito da Consellaría de Cultura. O sindicato esixe unha negociación previa á súa entrada en funcionamento e pide tamén que se respecten tanto as carteleiras de traballo como os dereitos laborais adquiridos.

CCOO reprocha que a posta en funcionamento do Kronos se fixera sen a preceptiva comunicación ás organizacións sindicais. Segundo o sindicato, o pasado xoves, día 11, o xefe de persoal de Cultura remitiu a última hora da mañá unha instrución destinada ás direccións dos museos, bibliotecas e arquivos indicando que o luns 15, á primeira hora, se implantaría o sistema nestes centros de traballo.

O xeito de comunicar a medida motivou que as direccións dos centros de traballo a coñeceran o venres 12 de xaneiro á primeira hora da mañá, polo que non deu tempo a valorala coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

CCOO afirma que con esta forma de proceder se «incumpren» dúas cuestións «básicas». Dunha banda, non informar previamente as organizacións, máis aínda cando en moitos casos faltan medios técnicos e materiais para a implantación do Kronos. Da outra, a incidencia sobre os dereitos adquiridos polo persoal, xa que o novo sistema supón unha modificación substancial das condicións laborais, pois «modifica carteleiras —quendas de traballo— que levan implantadas máis de vinte anos».

«Neste asunto, e noutros moitos, a imposición e a falta de diálogo semellan ser as pautas de actuación dos dirixentes desta Consellaría», denuncian desde CCOO. O sindicato coida que se está a vulnerar o convenio colectivo, concretamente dous puntos do artigo 18.º, referentes aos dereitos adquiridos no que atangue á xornada e á intervención sindical nesta materia. Ademais, defende que se ha conxugar o «necesario respecto» aos dereitos dos traballadores e das traballadoras co funcionamento destes centros que teñen horarios especiais.

En consecuencia, CCOO solicita a apertura «inmediata» dunha mesa de negociación entre a Consellaría de Cultura e o comité intercentros para que se respecten as condicións de traballo e non se utilice a implantación do Kronos para acometer modificacións substanciais das condicións de traballo.

Para evitar a xudicialización deste asunto, CCOO apela á mediación e intervención da Secretaría Xeral da Consellaría, «para que abra un espazo de diálogo» coa representación legal do persoal. Nese espazo deberíanse acadar os «consensos necesarios» para que a implantanción do Kronos se faga respectando as actuais carteleiras —que foron froito de negociacións e pactos— e garantindo as necesidades dos servizos de cada centro.