CCOO solidarízase cos xefes de servizo de atención primaria de Vigo que presentaron a súa dimisión

O sindicato pide a recuperación do Plan de mellora da atención primaria, consensuado pola Administración e os axentes sociais hai dez anos e paralizado posteriormente polo PP
Por o 11/12/2018 | Sección: CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo
CCOO solidarízase cos xefes de servizo de atención primaria de Vigo que presentaron a súa dimisión
A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia solidarízase cos xefes de servizo e unidade de atención primaria da área sanitaria de Vigo, que, «nun exercicio de dignidade e ética perante a progresiva deterioración» asistencial, presentaron a súa dimisión.
 
CCOO-Sanidade vén denunciando a «progresiva destrución» da atención primaria desde a chegada de Feijóo á Xunta, no ano 2009. O sindicato é particularmente crítico coa paralización e non aplicación do Plan de mellora da atención primaria, que fora consensuado entre os profesionais, organizacións sindicais e o anterior goberno da Xunta. O obxectivo era ampliar e mellorar a rede de atención con persoal e máis tempo de dedicación, garantindo como mínimo dez minutos para cada doente.
 

Diminución de orzamento e sobrecarga de traballo

 
A creación das xerencias de xestión integrada (EOXI) supuxo a supresión das xerencias de atención primaria, integrándoas nas de atención hospitalaria, coa consecuente «descapitalización e perda de autonomía na xestión e planificación dos seus recursos», critica CCOO.
 
Os orzamentos para a atención primaria diminúen desde o ano 2009. Recortouse o persoal coa escusa da crise e non houbo reposición posterior. Isto provoca que o persoal da atención primaria estea «sobrecargado».
 
CCOO denuncia unha «total ausencia de planificación de recursos e persoal» por parte da Xunta de Galicia. Como exemplo, cita a falta de médicos de familia e pediatras, malia que son moitos os profesionais que concursan ás «escasas» prazas que convoca a Administración.
 

CCOO esixe unha mesa de negociación

 
CCOO esixe a «inmediata apertura» dunha mesa de negociación na que se trate a recuperación das xerencias de atención primaria, así como un aumento da dotación económica para facer posible o incremento de persoal, na liña do plan consensuado no 2008. Tamén solicita a renovación estrutural dos centros de saúde, «moitos deles obsoletos». Se a Administración non atende as peticións, o sindicato non descarta mobilizacións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.