CCOO súmase á concentración convocada en apoio dos activistas saharauís

Por o 10/03/2017 | Sección: CC.OO,Protestas,Sindicatos,Vigo
CCOO súmase á concentración convocada en apoio dos activistas saharauís

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia solidarízase cos activistas saharauís do grupo Gdeim Izik que serán xulgados o vindeiro luns, día 13 de marzo, e pide a súa inmediata liberación. Unha delegación de CCOO participará na concentración que se convocará para ese día, ás 12 h, fronte ao museo MARCO, en Vigo.

A Delegación Saharauí para Galicia e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí denuncian que os integrantes do Gdeim Izik xa foran xulgados por un tribunal militar, mais a condena acabou sendo anulada polo tribunal de casación e será repetida por un tribunal de apelacion en Rabat.

O 8 de novembro de 2010 as forzas de ocupación do Reino de Marrocos desmantelaron o campamento de Gdeim Izik, ás aforas do Aaiun, capital do Sáhara Occidental. Nesa actuación atacaron brutalmente a poboación civil saharauí, provocando centos de feridos e varias mortes, incluída a dun mozo de só 14 anos. Lonxe de render contas diante da Comunidade Internacional por estes feitos, Marrocos respondeu coa detención arbitraria de 25 activistas, acusándoos de organizaren o dito campamento.

Dous anos despois, o 17 de febreiro de 2012 foron xulgados sen ningún tipo de garantías e condenados por un tribunal militar a durísimas penas de prisión. As mobilizacións e protestas lograron que o xuízo militar fose anulado polo tribunal de casación, decretándose un novo xuído nun tribunal de apelación.

CCOO e outras organizacións farán público un comunicado conxunto a favor das mobilizacións de apoio a estes activistas e esixindo a súa inmediata liberación. Consideran que o Reino de Marrocos carece de lexitimidade e competencia para actuar contra eles, xa que non ten xurisdición ningunha sobre o territorio do Sáhara Occidental —tal e como ditan as resolucións da ONU—, ocupado polo exército marroquí hai máis de catro décadas.