CCOO tilda a Consellaría de Sanidade de «incapaz» de solucionar os problemas e propón alternativas

O sindicato critica que as listaxes de espera tanto para cirurxías como atención primaria requiren solucións que o departamento autonómico non está a adoptar
Publicado por o día 08/06/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO tilda a Consellaría de Sanidade de «incapaz» de solucionar os problemas e propón alternativas
A Federación de Sanidade de CCOO tilda a Consellaría do ramo de «incapaz» de solucionar os problemas, especialmente no caso das listaxes de espera tanto para cirurxías como en atención primaria. O sindicato defende que cómpren solucións e «se a Xunta non sabe o que facer, nós si tempos propostas», explica Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
 
Desde a Federación de Sanidade de CCOO propoñen que o Sergas habilite todas as camas e poña en funcionamento no verán todos os quirófanos e servizos centrais —radioloxía, laboratorios e demais—, non só para urxencias.
 
Ademais, CCOO-Sanidade esixe a substitución das horas extras en forma de ‘peonadas’ —na atención especializada— ou ‘voluntariedade’ —na atención primaria— por contratos para persoal que está no paro ou forma parte das listaxes de contratación, co que tamén se crearía emprego.
 
Cameselle asegura que «hai recursos» para poder acometer estas medidas, e insta a dirixir ao cumprimento destes obxectivos «prioritairos» o diñeiro que actualmente se desvía a concertos público-privados e derivacións de doentes á sanidade privada.

A situación pode empeorar

O sindicalista advirte de que, de non tomar medidas agora, a situación pódese enquistar e volverse crónica nos próximos anos. Segundo cálculos do sindicato, nos próximos cinco anos chegarán á idade de xubilación o 19 % das empregadas e empregados públicos de todo o Estado, o que «sen dúbida» deteriorará aínda máis a prestación sanitaria pública galega.

Lei de incompatibilidades

Por último, CCOO pide o «estrito cumprimento» da Lei de incompatibilidades. Esixe que ningún profesional poida traballar no sector público ao tempo que no privado e na mesma área sanitaria, que ningún profesional da pública poida traballar tamén e centros concertados co Sergas, e que ningún xefe de servizo poida ter vinculación laboral coa sanidade privada.