CCOO ve un «cambio substancial na actitude e formas» da SEPI e insiste na necesidade dun plan industrial para Navantia

A Federación de Industria do sindicato considera «satisfactoria» a xuntanza coa nova presidenta do hólding empresarial público, Pilar Platero
Por o 28/03/2017 | Sección: CC.OO,Naval,Sindicatos,Vigo
CCOO ve un «cambio substancial na actitude e formas» da SEPI e insiste na necesidade dun plan industrial para Navantia

A Federación de Industria de Comisións Obreiras considera «satisfactoria» a xuntanza que mantivo recentemente coa nova presidenta da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), Pilar Platero. O sindicato ve un «cambio substancial na actitude e as formas» do hólding público, propietario de empresas como Navantia.

Precisamente, o sindicato insiste na necesidade dun plan industrial para os estaleiros públicos e agarda que a «vontade» amosada na reunión, oposta ao «desprezo, arrogancia e prepotencia que representa a Dirección de Navantia», se manifeste en feitos «concretos, visibles e perceptibles» para as traballadoras e os traballdores.

CCOO-Industria fixo partícipe a nova presidenta da SEPI da necesidade do dito plan antes de que a situación de «colapso e deterioración» sexa «irreversible». A responsable do hólding empresarial público recoñeceu compartir «plenamente» a preocupación. Segundo explicou, están a traballar cos diferentes ministerios implicados —Economía e Facenda, Industria, Defensa, Emprego e Seguridade Social— no deseño dun plan que reúna as medidas necesarias para «garantir o futuro sustentable da empresa».

Segundo CCOO, a SEPI deixou patente a súa «vontade de pilotar este proceso» e, por tanto, de negociar cos sindicatos o dito plan e, vinculado a este, abordar un novo marco de relacións laborais ou convenio, «acordes coas necesidades actuais e futuras».

A SEPI tamén asumiu a proposta de CCOO de constituír unha mesa de negociación con todos os sindicatos con presenza suficiente en Navantia, respectando a porcentaxe de representación lograda por cada organización nas últimas eleccións sindicais. Desde CCOO tamén instaron a SEPI a aboar as débedas contraídas co persoal, derivadas da aplicación do convenio colectivo vixente. Platero afirmou «estar traballando» nesta cuestión, mais o sindicato instouna a solucionar a problemática «coa maior dilixencia posible».

Canto ao plan industrial para Navantia, CCOO pon o acento na «urxencia» de consolidar novos contratos e lograr maior carga de traballo. Tamén, o mantemento dos sete centros de traballo en todo o Estado, a remuda xeracional, a potenciación da área de reparacións e a construción naval civil de alto valor engadido —tendo en conta, para isto, centros especializados como o de Fene.

CCOO-Industria tamén reivindica programas de I+D+i, a modernización das instalacións, a diversificación das actividades, a modificación do sistema organizativo, programas de formación e especialización, a mellora das políticas de prevención e saúde laboral, a integración do persoal nun marco laboral común, a ordenación da industria auxiliar —e o respecto dos dereitos deste colectivo, con salarios dignos—, a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e a máxima participación sindical en todos os ámbitos.

Para CCOO-Industria, estes son os principais eixes para confeccionar un plan que garanta unha Navantia «con futuro, sustentable e con capacidade para se situar en posicións de liderado no mercado internacional». Un proxecto, con todo, que precisaría a remuda da actual Dirección da empresa, responsable de conducir a compañía a unha das etapas máis «críticas, desoladoras e vergoñentas de toda a historia desta empresa».

Noticias de última hora en Vigo