A CE propoñerá un novo trazado da liña de alta tensión que unirá Galiza e Portugal ante a inaceptabilidade social

A eurodeputada Lídia Senra, acompañada pola concelleira de Arbo, Fabiola Durán, reuníronse hoxe en Bruxelas con Catharina Sikow-Magny, xefa da unidade B1 da Dirección Xeral de Enerxía da CE
Publicado por o día 08/02/2017 na sección de AGE,Medio Ambiente,Política,Vigo

A CE propoñerá un novo trazado da liña de alta tensión que unirá Galiza e Portugal ante a inaceptabilidade social

A eurodeputada Lídia Senra, acompañada pola concelleira de Arbo, Fabiola Durán, reuníronse hoxe en Bruxelas con Catharina Sikow-Magny, xefa da unidade B1 da Dirección Xeral de Enerxía da CE.

A europarlamentaria e a edil galegas destacan, tras a confirmación da representante comunitaria, que a mobilización social foi fundamental para parar este proxecto que afectaba a núcleos de poboación.

A Comisión Europea acaba de anunciar a retirada do proxecto de construción dunha liña eléctrica de alta tensión transfronteiriza entre Galiza e Portugale a presentación dun novo trazado en próximas datas. Fíxoo durante a reunión que a eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) mantivo esta mañá cunha representante da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, na que tamén participou Fabiola Durán, concelleira en Arbo, un dos municipios afectados por este proxecto transfronteirizo promovido por Red Eléctrica Española e a portuguesa Rede Eléctrica Nacional que prevía o paso dunha liña de alta tensión a tan só 20 metros de distancia de casas habitadas e que acadou unha forte constestación social ás dúas beiras do Miño. Por este motivo, o promotor portugués xa retirara o seu proxecto, situación que deixaba sen sentido o polémico trazado polo sur da provincia de Pontevedra.

CatharinaSikow-Magny, xefa de unidade B1 da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, explicou que tanto as autoridades portuguesas como españolas están ao tanto da existencia dun novo proxecto, que polo momento non foi feito público, de interconexión de electricidade entre Portugal e Galiza. Para o novo trazado deberá facerse unha nova avaliación ambiental e consultas públicas coa poboación afectada, segundo explicou. “É unha data na que realmente o valor da mobilización social se pon de manifesto. Nós imos seguir moi pendentes para coñecer o novo trazado e como se desenvolverá a nova consulta pública”, asegurou a eurodeputada galega ao ser informada das novidades arredor deste proxecto.Tamén Fabiola Durán, concelleira en Arbo, aplaudiu a capacidade dos veciños e veciñas para facer oír o seu descontento. “Grazas á mobilización social das veciñas e veciños de Arbo e do resto dos pobos afectados conseguiuse cambiar o trazado desta liña de alta tensión”, dixo.

Sikow-Magny confirmou que o novo trazado proposto percorrerá, no tramo galego,o sur da provincia de Pontevedra como o facía o seu predecesor, pero que pasará máis afastada de núcleos habitados. A representante da Comisión Europea comprometeuse, ademais, a pedir máis información sobre esta nova proposta e a transmitila á veciñanza da comarca en canto sexa posible. A Comisión Europea é consciente, asegurou Sikow-Magny, da protesta social que ocasionou nos dous países este proxecto, incluído nos plans da UE para acometer infraestruturas de conexión de electricidade e gas entre Francia, España e Portugal dentro dun futuro mercado común da enerxía. A oposición fronte aos danos paisaxísticos, a afección á propiedades e a proximidade de vivendas habitadas foron determinantes para que os promotores recuaran e presentaran unha nova proposta, segundo explicou a representante da CE.

Esta nova coincide co anuncio esta semana da paralización do proxecto de liña de alta tensión imposta pola Xustiza por afectar á Fraga de Casas Vellas, en Catasós (Lalín), outro caso no que a mobilización social xogou un papel determinante ante as afeccións ambientais que causaría nunha paraxe de gran valor.