Cegasal mostra a importancia do emprego no mundo da discapacidade cunha exposición fotográfica no Parlamento de Galicia

As imaxes permanecerán expostas nas dependencias da cámara galega ata o próximo día 3 de xullo. O seu próximo destino será a cidade de Vigo.
Publicado por o día 24/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

Cegasal mostra a importancia do emprego no mundo da discapacidade cunha exposición fotográfica no Parlamento de Galicia
Un total de 24 imaxes concibidas como reportaxe documental conforman a exposición que hoxe inaugurou Cegasal (Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) no Parlamento de Galicia. A mostra é froito do traballo realizado polo fotógrafo coruñés Diego Silva, quen ao longo de dous anos e medio percorreu un total de once dos 26 centros especiais de emprego de Cegasal para captar co seu cámara a actividade diaria dos traballadores con discapacidade.
 
Tras o seu paso pola Deputación de Lugo, a exposición inaugurábase esta mañá no Parlamento galego, onde permanecerá ata o 3 de xullo, nun acto que contou coa presenza do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices; da conselleira de Política Social, Fabiola García; do presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, e do presidente da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica e de Cogami, Anxo Queiruga.
 
Na súa intervención, José Antonio Vázquez, agradeceu o apoio de CaixaBank e Sabadell Gallego, entidades que colaboran coa organización, e ao presidente do Parlamento de Galicia e a conselleira de Política Social felicitoulles pola súa sensibilidade e colaboración cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro. Neste sentido, recalcou a aposta da asociación que preside polo emprego inclusivo xa que “o 95% dos persoais das empresas que forman parte de Cegasal están compostas por traballadores con discapacidade”.
 
Así mesmo, Vázquez Freire lembrou que a nova lei de contratación pública “é para nós unha gran ferramenta porque nos ten en conta” e destacou que Cegasal xa conta con centros de iniciativa social en 14 sectores produtivos de Galicia como téxtil, xardinería, artes gráficas, servizos e alimentación, entre outros.
 
Pola súa banda, a conselleira de Política Social destacou a necesidade de que as empresas se involucren na integración laboral das persoas con discapacidade, á vez que subliñou o feito de que estas persoas “levan anos rompendo barreiras e agora tócanos a nós romper cos prexuízos e non poñerlles límites”.
 
Por último, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, apostou pola visibilidade e a integración das persoas con capacidades diferentes no mercado laboral e manifestou o especial compromiso da cámara “coas persoas máis vulnerables”. Santalices lembrou a importancia de abrir o Parlamento á sociedade e destacou a visita ás dependencias da cámara de máis de 20.000 persoas.
 
A exposición, cuxo próximo destino é a cidade de Vigo, é unha iniciativa máis dentro da filosofía de Cegasal de fomentar ou traballo de calidade para as persoas con discapacidade e/ou en situación de risco de exclusión social. As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.