CEMMA pon en marcha a Campaña Grupo Davila-Termavi de monitorización mariña e voluntariado ambiental na Ría de Vigo

A CEMMA, contando co apoio do Grupo Davila-Termavi, pon en marcha unha campaña de embarques que se realizarán ao logo deste ano na Ría de Vigo, nos que se levarán a cabo mostraxes de fotoidentificación dos arroaces e recollida de residuos plásticos flotantes. A campaña está aberta á participación de voluntariado ambiental, e ten como obxectivo contribuir á conservación do medio mariño.

Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA está a poñer en marcha a Campaña Grupo Davila-Termavi, contando co apoio deste importante grupo empresarial vinculado ao sector marítimo.

Campaña Grupo Davila-Termavi consistirá na realización de actividades medioambientais na Ría de Vigo, que se levarán a cabo a bordo da “TONIÑA UN“, a embarcación da CEMMA que ten a súa base de operacións no Liceo Marítimo de Bouzas. Estas actividades consistirán na realización de mostraxes para a monitorización de arroaces (Tursiops truncatus) mediante fotoidentificación, e tamén na contabilización, recollida e retirada de residuos plásticos flotantes.

fotoidentificación é unha técnica moi empregada no estudo e monitorización dos cetáceos, que consiste na realización de fotografías da aleta dorsal dos animais, empregando as marcas naturais (cicatrices, despigmentación) para identificalos e poder chegar a recoñecelos individualmente no futuro. Esta técnica de estudo aporta información moi interesante sobre diferentes aspectos biolóxicos como: estrutura social, distribución e desprazamentos, taxas de supervivencia e natalidade, uso do hábitat, grao de residencia ou conexión entre poboacións.

A CEMMA leva máis de 20 anos realizando mostraxes de fotoidentificación de arroaces, e conta cun catálogo no que están identificados máis de 750 exemplares que foron rexistrados nas augas galegas. Algúns exemplares están sendo monitorizados dende hai máis de 15 anos, e pouco a pouco, vanse coñecendo máis detalles sobre a súa vida: desprazamentos, reproducción, relacións socias con outros individuos, etc.

Os arroaces son unha especie protexida, e para poder realizar as mostraxes de fotoidentificación, a CEMMA conta con autorizacións expedidas polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio-Xunta de Galicia, que permiten o achegamento con embarcación co obxectivo de poder realizar fotografías das aletas dorsais dos animais.

contaminación por residuos sólidos é unha das grandes ameazas que están a afectar ao medio mariño. O 80% dos residuos que se atopan no mar, procede de terra.

De entre os diferentes tipos de residuos mariños, destacan moi especialmente os plásticos, tanto pola súa abundancia, como polos seus graves efectos ambientais.

Estímase que, cada ano, chegan aos nosos mares e océanos case 9 millóns de toneladas de residuos plásticos, e algúns científicos teñen advertido que, no ano 2050, haberá máis plásticos que peixes no mar.

No caso concreto dos mamíferos mariños, son ben coñecidos os efectos negativos dos macroplásticos, que se poden quedar adheridos externamente ao corpo dos animais, limitando a súa movilidade, pero que tamén son inxeridos, afectando moi negativamente ao sistema dixestivo, puidendo chegar a producir a morte. No caso dos microplásticos (fragmentos de tamaño inferior aos 5 mm), foron detectados nunha frecuencia moi elevada no contido estomacal dos cetáceos varados na costa galega, e preocupa especialmente a súa capacidade para poder actuar como vectores de contaminantes tóxicos, que terían efectos moi negativos a nivel metabólico ou endocrino.

O 15% dos residuos plásticos que hai no mar, permanecen aboiando na superficie.

En estudios previos realizado pola CEMMA, estimouse que nas augas costeiras de Galicia hai un total de 57.000 residuos plásticos flotando na superficie do mar. Estamos a falar principalmente de fragmentos, recipientes e bolsas de plástico, que representan unha grave ameaza tanto para a fauna coma para o medio mariño. A nivel mundial, os residuos plásticos que se atopan aboiando na superficie do mar serían 5,25 trillóns, cun peso superior ás 265.000 toneladas.

Dentro da Campaña Grupo Davila-Termavi, levarase a cabo a recollida e retirada de residuos plásticos flotantes na Ría de Vigo, como actividade de sensibilización e educación ambiental, e tamén como acción para contribuir a reducir esta grave problemática ambiental mariña.

A persoas interesadas en formar parte do voluntariado ambiental da Campaña Grupo Davila-Termavi, e en participar nestas interesantes e atractivas actividades de monitorización e conservación do medio mariño, deben poñerse en contacto coa CEMMA escribindo á seguinte dirección de correo electrónico: cemmapresi@gmail.com.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM