Cen días dun goberno “estable, con rumbo certo e con ritmo ilusionante”

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, destacou a importancia da modernización da administración, dos retos do contrato do lixo, da posta en marcha dos equipamentos deportivos ou do Mercado.
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Cen días dun goberno “estable, con rumbo certo e con ritmo ilusionante”

Logo de 100 días de mandato, “temos un goberno estable, con rumbo certo, que avanza cun ritmo ilusionante e cunhas relacións entre ambos socios, extraordinarias”. Así valorou esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías os pouco máis de tres meses do novo goberno municipal, dende a toma de posesión do pasado 15 de xuño. Explicou que “durante o verán houbo concelleiros e concelleiras que tiveron unha intensa actividade pública con presentación de programas, e outros que traballaron a ritmo moi alto, aínda que non tiveran tanta visibilidade”.

Neste marco, destacou que se traballou “arreo” para iniciar a modernización da administración “para que funcione como un reloxo suízo”. Neste marco incluíu:

  • A creación das direccións xerais que “nos permitirá ter uns servizos máis áxiles e unha comunicación máis fluída cos cidadáns”.
  • A creación dun servizo propio para a área de sostemento dos espazos públicos que contará cun corpo de inspectores encargado de examinar a cidade.
  • Avances na administración electrónica que permitirá implantar a cita previa nos servizos de Padrón e Rexistro para dar máis axilidade, incluso, reformulando o espazo físico unha vez que entre en marcha o novo edificio de Ferreiros.
  • A nova oferta de emprego público que serán 38 prazas neste 2019 e 14 no 2020
  • O investimento de 2 millóns de euros no parque de bombeiros.

A auga e o lixo

A portavoz do Goberno tamén fixo balance do contrato da auga, do que neste momento están en execución e xa presentados proxectos por valor de 18 millóns de euros (abastecementos de Mourente e Marcón; saneamentos de Campañó, Verducido, Porta Grande, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve).

“Agardemos que as mesmas alegrías que nos deu a auga, nolas dea o contrato do lixo”, aseguro Anabel Gulías quen adiantou que o Goberno traballa en ter novo contrato do lixo no prazo de 2 anos; e nos vindeiros seis meses sacará a concurso o prego de limpeza das dependencias municipais, un prego moi necesario para a administración xa que ampliou considerablemente as súas sedes nas últimas décadas.

Tamén explicou a portavoz do Goberno que nos vindeiros días intensificarase a recollida do porta a porta de vidro e cartón e papel dos locais comerciais.

Dentro do contrato do lixo, unha dos piares destacados será a compostaxe. O Goberno puxo en marcha nestes tres meses o despregue da compostaxe individual en Tomeza e continuarase con Salcedo e Campañó; e tamén está previsto a intensificación no ámbito urbano.

Ao respecto do transporte urbano, a portavoz do Goberno indicou que o Concello e a Xunta están en plenas negociacións para que Pontevedra dispoña dun transporte urbano. As conversas van a bo ritmo de tal xeito que, de seguir nesta liña, Pontevedra poderá dispoñer de transporte cara primeiros de ano.

Tamén explicou Anabel Gulías, que se está xestionando a través dos fondos EDUSI, o estudo do transporte a demanda que “poderá ser unha realidade cara final de mandato”.

Infraestruturas e equipamentos

Sobre as infraestruturas e equipamentos urbanos, a portavoz do Goberno resaltou o bo ritmo de execución dos campos de herba sintética do rural, a posta en marcha do Mercado de Abastos ou a próxima apertura das piscinas municipais de Campolongo, ademais da inminente festa de inauguración do Pavillón Multiusos da Xunqueira que se fará o vindeiro sábado, 28 de setembro.

Neste marco adiantou que o Concello traballa nunha planificación para estender o modelo Pontevedra a todos os barrios, de feito a portavoz explicou que “este será, sen dúbida, o mandato dos barrios”. Entre as prioridades que anunciará nos vindeiros días o concelleiro de Obras, Anabel Gulías indicou que están completar o Camiño de Santiago, traballar nas rúas perimetrais do Campo da Torre ou abordar as rúas do Monte do Taco e o barrio de San Roque.

Tamén resaltou a importancia de traballar no marco do programa Efecto PO2, especialmente, no ámbito forestal coa creación de parques forestais ademais de crear as faixas de protección do monte, un proxecto que o concelleiro Alberto Oubiña retomará neste mandato.

A portavoz manifestou que, xunto á importancia da carteira de igualdade, son algúns dos piares básicos que marcará a estratexia política municipal deste ano e dos vindeiros.