Centos de docentes reclaman seguridade para garantir a presencialidade e a saúde de toda a comunidade educativa

Esixiron a retirada do protocolo da Covid19 cunha cazolada
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Educación,Protestas,Sindicatos

Centos de docentes reclaman seguridade para garantir a presencialidade e a saúde de toda a comunidade educativa

Representantes das organizacións sindicais do ensino, de ANPA, profesorado e alumnado déronse cita esta mañá en Compostela para reclamar outro protocolo que faga fronte á pandemia do coronavirus o próximo curso escolar. Nunha acción conxunta e unitaria que se desenvolveu cunha cazolada e un acto simbólico no que fumigaron o documento presentado pola Consellaría de Educación, púxose de manifesto o total rexeitamento da comunidade educativa ás instrucións da administración.

Os principais motivos deste rexeitamento pasan pola ausencia de medidas efectivas que minimicen os contaxios, mantendo as avultadas ratios existentes no ensino público galego, reducindo a distancia de seguridade a un metro (fóra dos grupos estábeis que son inviábeis), sen seguir ningunha das recomendacións sanitarias de organismos como a OMS ou do que establece o Ministerio de Sanidade e negando a posibilidade de incrementar o persoal docente e non docente para facer fronte a todas as medidas organizativas, de gardas, quendas de vixilancia e limpeza que establece o protocolo.

Ademais, a CIG-Ensino e o resto de organizacións convocantes tamén alertaron que non se prevé ningún plan de actuación específico cando exista un caso positivo, de illamento do grupo ou centro, e que as medidas que se propoñen nese sentido son moi laxas. Non evitan a transmisión do virus e a detección precoz antes da propagación. Igualmente non hai un plan establecido para ter que recorrer á teledocencia, malia que houbo tempo de prepararse para esa eventualidade, e que esta cuestión, xunto co perigo que corren servizos complementarios como o comedor ou o transporte escolar poden redundar nas desigualdades sociais e educativas entre o alumnado.

Próximas mobilizacións

A semana que vén terá lugar de novo outra concentración diante de San Caetano o martes 28 e os sindicatos xa avanzaron que se non hai ningún movemento que indique que a Consellaría está disposta a negociar outro protocolo o curso en setembro empezará con conflito e mobilizacións. Lembraron que toda a responsabilidade que a Consellaría pretende que recaia nos equipos directivos e no persoal docente pode ter consecuencias graves e animaron ás direccións a presentar a súa dimisión en bloque ante a imposibilidade de levar a cabo antes de que empece o curso todas as adaptacións que son necesarias para a aplicación do protocolo.

Por último, incidiron en que “o curso non pode empezar con normalidade nestas condicións” para o que chamaron a toda a sociedade a implicarse nesta loita, porque a seguridade do ensino non é un tema sindical, senón social.

Comentar noticia

Your email address will not be published.