O centro de acollida de animais da deputación de Pontevedra recuperou neste ano máis de 900 cans na provincia

A deputada delegada do CAAN, Eva Vilaverde, asegurou que a final de exercicio se superarán as 400 adopcións
Por o 28/12/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra
O centro de acollida de animais da deputación de Pontevedra recuperou neste ano máis de 900 cans na provincia

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da Deputación de Pontevedra conseguiu recuperar neste ano 908 cans. Nesta cifra inclúense os que tras ser extraviados foron entregados aos seus propietarios no propio lugar da captura, os recollidos polos donos nas instalacións de Armenteira, e os adoptados. Segundo asegurou a deputada delegada Eva Vilaverde, ata primeiros de decembro o número de cans acollidos por unha nova familia foi de 387, o que supón unha media de tres animais cada dous días. A cifra, segundo a nacionalista, mellorará ao peche do exercicio, xa que todo apunta a que se van superar as 400 adopcións debido ao grande número de visitas que o centro está a recibir nestes días.

Vilaverde sinalou que a actividade do CAAN foi inxente durante todo o 2017, xa que se fixeron preto de 2.100 intervencións (contabilizando os avisos fallidos nos que non se atoparon os animais que motivaran a chamada ao centro), o que supón un pequeno incremento respecto ao 2016 cando houbera uns 1.700. Por concellos, dos que que máis avisos se recibiron foron Sanxenxo (161), Vilanova de Arousa (129), Redondela (114) e A Estrada (110), sendo os municipios onde máis animais se recolleron foron Sanxenxo (103), Vilanova de Arousa (90), Redondela (86), A Cañiza (84), Meis (84), Lalín (84) e A Estrada (80). Pola contra, os concellos onde menos animais se recolleron foron Mondariz Balneario e Dozón, sen ningún caso, Arbo (5), Pontecesures (6) e O Rosal (6).

A responsable do centro de acollemento quixo poñer de manifesto, sen embargo, que non son os datos absolutos de abandono os que máis preocupan, senón a porcentaxe de abandonos en función da poboación. Neste sentido, chaman a atención os datos de Meis e A Cañiza onde se abandonaron 59 e 68 cans respectivamente sendo as poboacións de 4.844 e 5.234 persoas (porcentaxe de abandonos do 1,22% e 1,30 %, respectivamente, cando a media nacional non chega ao 0,30%). Isto supón, aproximadamente, que se abandona un can por cada 70 veciños. ”No caso de Meis, ao igual que noutros anos, os datos deben de ser interpretados tendo en conta o efecto chamada que ten a ubicación do centro de acollida. Sen embargo, os datos relativos a A Cañiza e outros concellos como Crecente, Meaño, Ribadumia, Barro ou Campo Lameiro, con índices moi superiores á media, deben ser valorados con preocupación e deben chamar a facer

unha reflexión”, indicou Vilaverde, xa que a tendencia a aumentar as cifras de abandono vai á alza.

Ata principios do mes de decembro 254 cans foron devoltos aos seus propietarios antes de ser trasladados ao centro de Armenteira e previo aviso do servizo de lacería, ao estar correctamente identificados. Outros 267 cans foron recollidos no CAAN polos seus propietarios, ao non ser posible contactar con eles no momento da captura do can polos laceros, cifra moi superior ao do ano pasado (215). E finalmente, no ano 2017 foron adoptados 387 cans, acumulando mais de 1500 adopcións dende o ano 2014. Neste momento atópanse no CAAN preto de 600 animais.

“Nós con estes datos estamos moderadamente satisfeitos. Son sempre datos preocupantes porque partimos do abandono animal e do maltrato, polo que todo o que poidamos facer a maiores é bo. Imos tratar de mellorar a situación do CAAN para aumentar o benestar animal , pero reducir o abandono é o máis interesante da nosa liña de traballo, porque nalgúns concellos da provincia os datos son bastante preocupantes”, salientou Vilaverde.

Campaña sobre o maltrato

A delegada do CCAN salientou que neste ano a campaña de divulgación centrouse nos animais maltratados debido a numerosos casos de cans en moi malas condicións atopados polo Seprona, a Garda Civil en moi malas condicións. En total, un 18 % dos animais recollidos no CAAN presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de trafico, que foron tratadas na súa totalidade polos veterinarios do centro.

“Ademais de mellorar as adopcións destes cans con lesións, conseguimos que o CAAN sexa considerado o centro de referencia para recibir información, dar avisos ou coñecer cales son os trámites que se deben realizar cando calquera persoa detecta a un animal en mal estado. Nós moitas veces facemos as denuncias de oficio ante quen corresponda, pero atendemos moitas solicitudes de información para persoas que detectan situacións de maltrato e o queren denunciar. Foi unha campaña moi positiva”, destacou.

Por outra banda, a deputada quixo facer un chamamento aos propietarios dos cans en xeral para que os identifiquen. Este ano, a pesares de ter aumentado un 1,4% a porcentaxe de animais con microchip con respecto ao ano anterior, a cifra está aínda no 7,4%.

Mellora de instalacións

De cara ao ano 2018 a Eva Vilaverde sinalou que o CAAN aumentará o orzamento para mellorar a situación de benestar dos animais que están no centro: realizaranse ampliacións e acondicionamentos das zonas de maternidade e cachorros, así como de corentena e hospitalización.

Neste sentido, a deputada destacou que no mes de xaneiro entrará en vigor a nova Lei de Protección Animal, para a que o CAAN está preparado, incluso no relacionado con entregar todos os cans esterilizados, para o que xa se fixeron diversos estudos económicos. “Neste sentido nós xa viñemos traballando con moita antelación, porque entregabamos todos os cans ás protectoras xa esterilizados. As melloras que imos facer son a maiores das precisas para cumprir a normativa. Somos o único centro homologado pola Xunta de Galicia, pero o noso traballo irá encamiñado a mellorar aínda máis”, destacou.

A tónica xeral dos concellos adheridos ao CAAN é de satisfacción. “Non houbo ningunha queixa, senón todo o contrario. Tanto a nivel económico, polo feito de que mancomunar o servizo é máis económico, como a nivel de satisfacción pola prestación do servizo e a atención dada, o traballo do CAAN é ben recibido polos concellos. Así nolo fan chegar a diario”, dixo Vilaverde.