Cerveira e Tomiño acollen o primeiro Festival Infantil Transfronteirizo con 12 horas de animación ininterrompidas

A festa será o vindeiro sábado, 31 de agosto, en ambas as vilas, dentro das actividades da Eurocidade
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Galicia,Tomiño

Cerveira e Tomiño acollen o primeiro Festival Infantil Transfronteirizo con 12 horas de animación ininterrompidas

Tomiño, 29 de agosto de 2019.- A Eurocidade Cerveira-Tomiño propón un día moi especial para compartir en familia. O vindeiro sábado, 31 de agosto, as xentes de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, terán para escoller entre decenas de xogos e actividades no primeiro Festival Infantil Transfronteirizo “Aventura na Terra da Amizade”, celebrado nun espazo natural coma o Parque de Lecer do Castelinho; un festival cun forte compromiso coa pegada ecolóxica a través de accións de conscienciación ambiental e entrada totalmente libre en todas as actividades.

Antes do inicio dun novo ano lectivo, Vila Nova de Cerveira e Tomiño propoñen unha despedida distinta ás vacacións de verán, con todo aquelo que os máis pequenos lles gusta e merecen.

O festival infantil, que contará con inchables para todas as idades, trampolíns, ludoteca para bebés, pinturas faciais, xogos tradicionais, danza, zumba, maxia, etc., abrirá as súas portas no Parque do Casteliño entre as 10.00 e as 19.00 horas (hora portuguesa), rematando en terras tomiñesas cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, na Praza do Seixo, a partir das 21.00h (hora galega).

E porque os eventos que envolven nenos tamén deben promover unha compoñente didáctica, os pequenos festivaleiros e súas familias van ser convidados para dar a súa contribución á pegada ecolóxica. Neste senso, será un festival ambientalmente responsable, por un lado erradicando a utilización desmedida de plástico e, por outro, incentivando o mantemento dos espazos públicos limpos, coa presenza de varios ecopuntos humanos e estáticos, alén da dinamización da actividade “Recicla coa Lontra”.

Ao longo de todo o día están previstas, asemade, accións onde se aprenderá a importancia dos 3 R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Unidos polo río Miño, Vila Nova de Cerveira e Tomiño, tentarán potenciar a convivencia entre a veciñanza de un e outro lado da fronteira.

Programa: (hora portuguesa)

10h00 Abertura con participación da ADEIXA

11h00 Zumba Kids

12h00 Pé Pintor

14h30 Concerto Uxía Lambona

15h30 Momento de Maxia

17h00 Pé Pintor

17h30 Feiticeiro de Oz

18h40 Baby Shark e Danza cos Heroes

Concerto (hora galega)

21h00 Concerto completo de Uxía Lambona e a Banda Molona, na Praza do Seixo, a partir das 21.00h (hora galega).