César No gaña o IV Premio A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico

‘Camiños de luz’ é o título da peza gañadora, mentres que o texto ‘Bestiario’, presentado por Ernesto Is, foi recoñecido cun accésit
Publicado por o día 27/03/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

César No gaña o IV Premio A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico

César No, co texto Camiños de luz, é o gañador da cuarta edición do Premio ‘A Pegada do Eco’ de Teatro Radiofónico, convocado pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O galardón foille entregado hoxe en Vigo por Jacobo Sutil, director da Agadic, como peche do programa de actividades desenvolvido pola ESAD para celebrar o Día Mundial de Teatro.

Ademais do premio outorgado a César No, titulado en Dirección Escénica por este centro de ensinanza superior da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o xurado do Pegada acordou concederlle un accésit ao texto ‘Bestiario’, de Ernesto Suárez Is. Este último, tamén titulado en Dramaturxia pola ESAD, foi de feito o gañador da primeira edición deste galardón en 2014 coa súa obra ‘Do material do que están feitos os soños’, ademais de ter no seu haber outros recoñecementos como a última edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ex aequo con Xandra Táboas.

Ambos os autores manteñen a súa propia compañía, Feira do Leste, a través da que exploran o teatro físico, a performance, a danza e as linguaxes posdramáticas. Ademais de felicitalos por estas distincións, o director da Agadic trasladoulle tamén os parabéns ao equipo directivo e ao profesorado da ESAD polo seu traballo diario á fronte deste centro, así como por todas as iniciativas docentes e dinamizadoras que complementan a formación curricular regrada.

Xornada de conmemoración e homenaxe

Entre estas accións destacou, precisamente, esta xornada de celebración do Día Mundial do Teatro, que deu comezo cunha serie de actividades pedagóxicas para dar paso á lectura dos diferentes manifestos da conmemoración: o da ESAD, escrito e lido por Esther Carrodeguas; o galego, lido por Eufrasio Lucena; e o internacional, por Carmela González e Diego Rey.

A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda arredor da traxectoria escénica de Dorotea Bárcena, así como as lecturas de varias escenas en homenaxe á actriz falecida o pasado mes de novembro. A xornada, que tivo lugar na sala Pedra Seixa da sede da ESAD, concluíu co acto de entrega do premio e o accésit desta cuarta edición de A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico

Xunto cun lote de libros teatrais procedentes do fondo editorial da Agadic, este ano o galardón conta tamén cunha dotación económica de 200 euros.

A gañadora da anterior convocatoria de A Pegada do Eco foi AveLina Pérez por ‘Eu controlo’, mentres que nas anteriores edicións recaeu en Julio Peláez por ‘A cunquiña’ e en Ernesto Suárez Is polo devandito texto ‘Do material do que están feitos os soños’.